Friday 22 de November de 2024

O Partido Popular de Culleredo esixe un novo proxecto para o polideportivo de Tarrío.


∙ A obra, que tería que comezar en 2021, atópase neste momento en suspenso pola mala xestión do Concello, que obrigou á empresa adxudicataria a presentar a súa renuncia.

∙ Os clubs e asociacións do concello levan anos reclamando o arranxo das graves deficiencias que sofre o polideportivo e que supoñen riscos de seguridade importantes para deportistas e espectadores, ademaisde apercibimentos por non ter as condicións mínimas esixibles para as competicións federadas.

O Grupo Municipal Popular solicitará no próximo pleno que se realice “coa máxima urxencia” un novo proxecto para o pavillón de Tarrío, polideportivo insignia do concello e onde teñen lugar numerosas prácticas e competicións deportivas, entre elas, as de Balonman Culleredo en Primeira Nacional.

En novembro do 2021 asínase o contrato coa empresa que ha de realizar as obras. Con todo, unha serie de “auténticos despropósitos provocan que en xaneiro do 2023 a empresa adxudicataria renuncie á obra e que en marzo do 2024 esteamos peor que ao comezo de todo isto; sen reforma, sen proxecto e o pavillón continúa en pésimas condicións”, insiste a portavoz popular, Izaskun García.
“O proxecto orixinal non contemplaba melloras estruturais imprescindibles para garantir a solidez das obras. Se a isto sumámoslle que se suspende de emprego e soldo ao director de obra e que non se lle substitúe ata máis dun ano despois, temos a unha empresa que, obviamente, renuncia a realizar a reforma por auténtico deixamento do goberno municipal e á que encima hai que indemnizar con máis de 16.000€, diñeiro que sae de todos os veciños”, manifesta García.

No novo proxecto, que os populares solicitan “estea listo o máis axiña posible, deben constar todas e cada unha das peticións de clubs e asociacións deportivas, os que de verdade saben que se necesita para ter un polideportivo en óptimas condicións. Non toleraremos remendos como os do 2019 e 2023, pésimos parches que non solucionaron ningunha das importantes deficiencias que presenta Tarrío”.

Con esta moción, o PP de Culleredo continua co seu compromiso de lograr que as instalacións deportivas do municipio estean ao nivel que necesitan e reclaman os clubs e asociacións deportivas, e lembran que en setembro do 2023 aprobouse por unanimidade o Plan Integral de Mantemento que os populares levaron a pleno e que “a día de hoxe, seis meses despois, seguimos sen saber absolutamente nada de ningunha actuación respecto diso por parte do goberno local”, reclaman os populares.