Saturday 16 de November de 2024

Ábrese o prazo de matrícula de “Camiños de coñecemento e experiencia 2024” en Ribeira


O proxecto Camiños de coñecemento e experiencia está promovido pola USC en colaboración co Concello de Ribeira, que xa celebra a oitava edición. Estas xornadas de estudo universitario para persoas de máis de 50 anos contribúen á posta en valor e democratización do coñecemento, que son unhas das finalidades fundamentais do IV Ciclo da USC nun chamamento á formación continua tamén fóra das cidades universitarias.

As xornadas están dirixidas a persoas maiores de 50 anos, o mesmo perfil de estudantes que se pode matricular nos estudos regrados universitarios do IV Ciclo da USC. O programa realizarase os días 17, 19, 22, 24, 25 de abril e 2 de maio en horario de 16.30 a 18.00 h no Auditorio Municipal de Ribeira.
Esta formación inclúe un seminario sobre Historia da fotografía e obradoiro con cámara escura con Katia Cino Rouco, investigadora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica; o seminario e obradoiro “Para que nos serven os insectos” con José Carlos Otero González, Profesor Emérito da Facultade de Bioloxía; e outro seminario sobre Diego Xelmírez con Victoriano Nodar Fernández.

A matrícula está aberta ata o 12 de abril de 2024. Para matricularse é preciso que sexan persoas maiores de 50 anos e que envíen un correo electrónico co nome e apelidos, nº de DNI, lugar de residencia e teléfono de contacto a normalizacion@ribeira.gal; ou no teléfono do 981835650 do Centro Cultural Lustres Rivas de 9 a 14 h de luns a venres.