Friday 22 de November de 2024

Neda e AGA Ferrolterra divulgan a través dunha charla as claves para o trampeo eficaz contra as velutinas


A actividade realizarase o próximo martes na Casa das palmeiras

Unha vez rematados os obradoiros de trampeo realizados nos colexios, o Concello de Neda programa o martes 26 de marzo unha charla aberta á cidadanía sobre a problemática da vespa asiática. A iniciativa enmárcase dentro da “Campaña Stop velutina: raíña cazada, niño evitado”, que desenvolve a delegación da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra, cuxo obxectivo é mobilizar á veciñanza para evitar que aparezan de aquí ao verán centos de niños.
A actividade terá lugar na Casa das Palmeiras, a partir das 20 horas, e nela falarase da necesidade de reducir o número de raíñas cando saen da súa hibernación como camiño máis efectivo para frear a expansión desta especie invasora, que devora as abellas.
E para iso un trampeo primaveral axeitado, cun bo líquido atraínte, cunha boa situación… resulta fundamental. Disponse de uns 40 días para capturalas dende que se reactivan e constrúen o niño primario, despois, encláustranse no niño tartagueiro e xa non volven saír.
Concello de Neda e AGA Ferrolterra alertan do risco derivado da formación de niños de velutina preto das vivendas. Na súa contorna, polo seu instinto protector, a especie vólvese perigosa. Calquera balbordo ou vibración (os coches, maquinaria agrícola…) pode desencadear un ataque masivo. Por iso, faise un chamamento para que a veciñanza coloque cando menos dúas trampas en cada horta e xardín.