Van algunhas imaxes da charla ofrecida esta tarde na Escola de Familias do Concello de San Sadurniño. Máis que charla, un obradoiro ben entretido e construtivo no que aprendemos a recoñecer o acoso infantil do lado de quen o sofre pero tamén de quen o exerce.
A psicóloga Pilar Carballeira e a educadora Laura Balado faláronnos dos distintos tipos de bullying, as posibles razóns de que se produza e tamén as súas consecuencias, que en moitos casos se ven amplificadas por un mal uso das tecnoloxías e das redes sociais.
As expertas incidiron na importancia de que a educación se sosteña nunha boa comunicación e nun ambiente de confianza no seo da familia. Dous aspectos fundamentais para que a rapazada nunca sexa partícipe do acoso -nin tampouco cómplice- e para detectar o antes posible se a nosa filla ou fillo está sendo vítima do bullying.
Segundo a ONG Internacional Bullying Sen Fronteiras, España é o terceiro país do mundo con máis casos detectados no curso 2022/23. A organización alerta, ademais, de que 7 de cada 10 menores de idade sofren todos os días algún de tipo de acoso.
Trala sesión desta tarde, a Escola de Familias fará unha pausa até o 24 de abril, día no que ofrecerá a sesión “Normas e límites na familia”, dirixida a familias con rapazada de 6 a 16 anos.
O último obradoiro do ciclo será o 29 de maio, centrado na prevención e detección de condutas aditivas, tamén para persoas que teñan fillas e fillos preadolescentes ou adolescentes.