Saturday 23 de November de 2024

Noemí Díaz: “Celebrar o Urbact Cope na Coruña demostra que estamos no circuíto das cidades europeas referentes en políticas verdes” 


A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, abriu as xornadas europeas que se celebrarán hoxe e mañá no barrio da Sagrada Familia 

Profesionais de Copenhague, San Quentin, Kavala, Korydallos, Bistrita Vilnius, Pombal e o Consello Danés de Tecnoloxía danse cita na cidade herculina 

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, interviu esta mañá no inicio do segundo Core Network Meeting da rede Urbact Cope, que está tendo lugar entre hoxe e mañá na Coruña. A concelleira explicou que “celebrar o Urbact Cope na Coruña demostra que estamos no circuíto das cidades europeas referentes en políticas verdes”. 

A primeira destas xornadas celebrouse o pasado mes de novembro na cidade grega de Korydallos, onde a rede Urbact Cope se constituíu como grupo de traballo en materia sostible. Díaz destacou o modelo de cidade posto en marcha polo Goberno de Inés Rey: “Camiñar cara unha cidade máis sostible deixou de ser un slogan para converterse nunha realidade, con centos de actuacións nos diferentes barrios coa prioridade peonil e a vexetación como obxectivo prioritario”. 

A concelleira explicou que o feito de escoller a Sagrada Familia como núcleo para a celebración das xornadas vai na liña da posta en valor dos barrios. “Este proxecto non podía ter un espazo mellor que a Sagrada Familia para o seu primeiro cumio na Coruña. Un proxecto humilde cuxas potencialidades son tamén emocionantes” sinalou. 

Díaz referiuse a algunhas actuacións xa proxectadas no barrio como exemplo de tranformación urbana sostible. Destacou a peonalización da Sagrada Familia, que contará cun investimento de 1,5 millóns de euros; e outras xa realizadas como a transformación do antigo viaduto da Rolda de Nelle, hoxe unha vía aberta de plataforma única chea de árbores e cun carril bici que conecta Os Mallos e a Sagrada Familia con Santa Margarita e A Falperra. 

Logo da apertura institucional a cargo da concelleira, leváronse a cabo varias actividades para a introdución e explicación do proxecto seguindo de exercicios de participación, tanto cidadá como da propia rede. Destaca a exposición sobre Copenhage como modelo de cidade verde, na que dous profesionais daneses explicaron o proceso de transformación levado a cabo na capital. 

Esta tarde a xornada continúa con tres ponencias. A primeira será unha conferencia impartida pola arquitecta Cristina García Fontán, profesora da Universidade da Coruña; a concelleira Noemí Díaz, sobre as estratexias de renaturalización e adaptación ao cambio climático da Coruña; e unha última da man de Antonio Prieto González sobre a Sagrada Familia. 

Xunto á Coruña e Copenhague, intégranse na rede diversas cidades europeas como San Quentin (Francia), Kavala e Korydallos (Grecia), Bistrita (Romanía), Vilnius (Lituania) e Pombal (Portugal), así como o Consello Danés de Tecnoloxía. Grazas á participación na Rede Urbact Cope, as accións que resulten do proxecto sitúanse nunha posición moi vantaxosa para a obtención de financiamento europeo de cara á súa execución. 

Participación cidadá, mañá na Sagrada Familia 

Mañá, xoves 21, celebrarase a segunda e última xornada do encontro Urbact Cope coa participación cidadá e a inmersión no barrio como prioridade. Durante toda a mañá levaranse a cabo actividades exteriores de interacción cos veciños e veciñas da Sagrada Familia. 

A primeira hora levarase a cabo o reparto de “misións” para cada un dos grupos acordados entre as cidades co obxectivo de coñecer máis a fondo o barrio, interactuando cos veciños e veciñas e convidándolles a coñecer o proxecto. Finalmente, a rede reunirase para facer unha evaluación do encontro e avanzar no proxecto europeo de acordo coas conclusións de todas as cidades implicadas.