Friday 22 de November de 2024

A lanoterapia triunfa en Lousame e comeza a expandirse pola comarca


Unha alumna do Programa Aurora, posto en marcha polo Concello de Lousame, desenvolve unha actividade que busca que as alumnas desconecten do stress da vida cotiá, fornezan os lazos sociais e melloren a súa motricidade e autoestima

“O obxectivo non é tecer en si mesmo. É desenchufarse da vida cotiá e dos problemas cunha actividade na que mente e mans traballan en armonía”. Así explica Socorro Vázquez Montero, veciña de Cerquides, os beneficios que obteñen as alumnas do Curso Lanoterapia, que comezou a impartirse este mes en cinco parroquias de Lousame, con máis de 40 alumnas.

Na actualidade, o Curso de Lanoterapia desenvólvese con éxito nos locais sociais de Cruído (os luns, de 16:00 a 18:00 horas), Escabia (xoves, de 16:00 a 18:00 horas), Tállara (venres, de 20:30 a 10:30 horas) e Vilacoba (sábados, de 16:00 a 18:00 horas), así como na escola de Quintáns (martes de 16:00 a 18:00 horas). “Son grupos de dez persoas, como máximo, para estar a gusto e poder explicar mellor as cousas”, apunta Socorro Vázquez, quen adianta que “agora estou pendente de poñer en marcha outro grupo en Camboño e tamén teño peticións dun par de asociacións de Noia”.

Entre os beneficios da lanoterapia figuran axudar a eliminar o estrés, estimular o maxín e a creatividade, mellorar a motricidade e a autoestima, fornecer os lazos sociais… “É moi recomendable para persoas con déficit de atención ou con depresión, que o poden usar como terapia. Pero tamén se utiliza para socializar e olvidarte un pouco dos problemas”, indica a mestra do curso lousamiano. Así, as clases desenvólvense nun local social de Lousame, en torno a unha mesa, na que as alumnas van tecendo cadanseu proxecto, conversan entre elas e van resolvendo as dúbidas que xorden coa profesora.

A orixe: o Programa Aurora

Socorro Vázquez explica que a orixe desta iniciativa atópase no Programa Aurora, levado a cabo en 2015 polo Concello de Lousame en coordinación co Instituto da Muller e cofinanzado polo Fondo Social Europeo para axudar ás veciñas a desenvolver as súas habilidades persoais e ofrecerlles unha formación específica para facilitarlles o acceso ao mercado laboral ou emprender os seus propios proxectos profesionais. “Eu levo máis de 30 anos tecendo e despois do Programa Aurora decidir de facer un oficio do meu hobbie. Plantexeino como unha actividade no Concello de Lousame e agora xa estamos en cinco parroquias e estamos falando de ir a Camboño e a Noia”, indica Vázquez Montero.

Socorro Vázquez explica que a lanoterapia é algo que está de moda: “agora emprégase para socializar e fálase de clubs da calceta ou de ir tomar un café con lana no que os hipsters chaman meeting-points. Pois en Lousame tamén temos un meeting-point deses”, bromea, “o que quero dicir é que a lanoterapia é algo moderno, non é unha cousa de avoas”. De feito, mesmo teñen creado un grupo de whatsapp a través do que se envían modelos, patróns e tutoriais de youtube.

Artesanía

O que todavía non hai é ningún home apuntado. A mestra do curso explica que “non deixa de ser curioso que, aínda que poida sorprender, antigamente a calceta era unha actividade só para os homes. Era un traballo e pertencías a un gremio de calceteiros que, entre outras cousas, pedíanche ter unha experiencia de sete anos e ter feito con éxito unha serie de pezas. As mulleres só fiabamos, os homes tecían porque era un medio de vida”.

Neste sentido, Socorro Vázquez explica que esta actividade “é unha posta en valor da artesanía. Se un mira o custe da la e as horas de traballo que se empregan en facer unha peza pode pensar que non paga a pena. Pero hai que darlle un valor ao traballo artesanal, ademais dos beneficios que se obtén durante o tecido”. Un valor que compartirán a finais de curso, cando pretenden facer unha exposición dos seus traballos (gorros, mantas, patucos, xerséis…) en colaboración co Concello de Lousame.

O curso de lanoterapia ofrece dous niveis de aprendizaxe (iniciación e coñecedoras). O seu prezo é de 15 euros (grupo máximo de 10 persoas). Máis información e inscricións no teléfono 647 282 763.