O Concello de Boqueixón vén de rematar as obras de mellora dos viarios interiores da aldea de Lamas, na parroquia de Sergude. Uns traballos nos que o executivo local investiu preto de 19.000 euros. “Nas vindeiras semanas continuaremos con varias actuacións en Pousada, Loureda, Lestedo, Gastrar, Vigo e Boqueixón”, adianta o alcalde, Ovidio Rodeiro Tato.
As obras acometidas en Lamas consistiron na mellora da capa de rodaxe da estrada con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Uns traballos nos que se aproveitou para facer sobreanchos naquelas zonas nas que foi posible, ata sumar un total de 200 m2 de abanicos e sobreanchos. As obras incluíron tamén o pintado das liñas de bordo da estrada e a súa sinalización horizontal, así como a limpeza de gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe das augas da choiva.
Por outra banda, o Concello de Boqueixón está nestes momentos tramitando unha nova actuación de mellora de viarios en Lamas, nesta ocasión sobre unha superficie de 1.050 m2 e con cinco centímetros de aglomerado en quente. Unhas obras que inclúen tamén a demolición dun palco existente e o amaño da superficie afectada. Estas obras, actualmente en fase de adxudicación, suporán un investimento de case 27.000 euros.