Membros da corporación municipal, persoal do Concello e veciñanza da Pobra do Caramiñal concentrouse ás 12.00 horas deste 20 de marzo fronte a casa consistorial para gardar un minuto de silencio con motivo do feminicidio sucedido na tarde de onte en Palmeira.
Ao inicio, o alcalde José Carlos Vidal dirixiuse aos presentes para explicar que esta é unha forma de traslada-lo pésame e apoio á familia e amizades da moza asasinada, ademais de acto de rexeitamento ante este crime machista. Tamén se pretende así amosa-la solidariedade coa veciña localidade de Ribeira, conmocionada por este terrible suceso. O rexedor salientou a importancia de seguir traballando arreo para erradica-la violencia machista.
Ademais, o Concello da Pobra do Caramiñal súmase á concentración que terá lugar neste mércores 20, ás 20.00 horas, no Malecón de Ribeira, ao lado de Capitanía Marítima, ademais de secunda-la convocatoria efectuada por Jealsa nas inmediacións das súas factorías presentes na comarca.