Friday 22 de November de 2024

A Reserva ensina o potencial turístico da “Senda dous Sentidos” de Miño ao alumnado da disciplina da UDC


• Este roteiro acaba de recibir a bandeira “Carreiro azul” como recoñecemento ao seu traballo en materia de sensibilización ambiental.

• Trátase dun dos proxectos de referencia que se desenvolven actualmente no territorio de Mariñas Coruñesas.

• A visita serviu tamén para destacar o traballo da Oficina de Turismo de Miño, a empresa Galicia Eventos e Lecer ou o restaurante A Carboeira, certificadas na Marca de Calidade da Reserva de Biosfera.

Os futuros profesionais do turismo da Universidade da Coruña (UDC) coñeceron onte martes, de primeira man, a “Senda dous Sentidos”. Localizada no concello de Miño, trátase dun dos proxectos de referencia que se desenvolven actualmente no territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.
Este roteiro acaba de recibir a bandeira “Carreiro azul” por parte da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor polo seu gran traballo en materia de sensibilización ambiental e goce da natureza, todo isto enmarcado dentro do primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia polo Club de Ecoturismo de España.
Cabe destacar que este itinerario non existiría sen a xenerosidade de propietarios de moitas das parcelas polas que discorre, xa que cederon o dereito de paso para poder recuperar este espazo tan valioso para o goce de veciños e turistas.
A visita organizada pola Reserva consistiu en ensinar aos e as estudantes todo o potencial turístico do itinerario miñense, baseándose nos seus recursos naturais, pero tamén en experiencias creadas e o labor de empresas turísticas que axudan a que o #gozar do visitante sexa maior.
Así, a Reserva resaltou o traballo que realizan a diario desde a Oficina de Turismo de Miño, así como o doutras empresas certificadas na tripla Marca de Calidade da Reserva de Biosfera na contorna da “Senda dous Sentidos”. Firmas como Galicia Eventos e Lecer ou o restaurante A Carboeira, que contan con este distintivo, demostraron ao alumnado de turismo como ser referentes en materia de calidade, autenticidade e sustentabilidade no desenvolvemento empresarial.