Friday 22 de November de 2024

Catro profesionais toman a palabra en “Rompendo moldes” para acabar cos estereotipos de xénero no ámbito laboral


As charlas, organizadas polo Concello de Neda, chegan o venres aos colexios públicos da vila

Contribuír a acabar cos estereotipos de xénero no ámbito do traballo. Ese é o obxectivo co que o Concello pon en marcha nos coles, no marco do “Mes da muller” o ciclo de charlas “Rompendo moldes”. Unha iniciativa na que distintas profesionais nedenses compartirán cos nenos e nenas a súa experiencia laboral en distintos ámbitos, insistindo na importancia de non deixarse “encasillar” polas expectativas de xénero, e en algo tan básico como que non hai traballos só de homes nin só de mulleres.

A proposta, que se desenvolverá ao longo deste venres, contará cunha mestra xa xubilada; unha xuíza e unha letrada xudicial, que falarán da carreira xudicial na que as mulleres son maioría, algo que non se reflicte na cúpula do Poder Xudicial; e unha licenciada en Ciencias Químicas e doutora en Ciencia e tecnoloxía de polímeros, que forma parte actualmente do equipo de goberno da Universidade da Coruña.
As catro protagonizarán os encontros co alumnado do CEIP San Isidro e do CEIP Maciñeira. Nestas sesións falarase da necesidade de rachar estereotipos de xénero, que aínda persisten, pesando como unha lousa nos camiños formativos e académicos, que acaba seguindo a rapazada, e tamén dos denominados teitos de cristal.
“Rompendo moldes” é unha das últimas actividades incluídas na programación especial deseñada polo Concello con motivo do 8M. Propostas dirixidas a avanzar cara a unha igualdade real, que contaron coa achega económica do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.