Friday 22 de November de 2024

O Día Mundial da Poesía celebrarase na Pobra cun formato de recital


Érica Alri, Ana Lojo, Marta Ojea, Ciro Fernández e Alfredo Vázquez: estes son os nomes das escritoras e escritores que porán a súa voz e os seus versos no recital que se desenvolverá na Pobra do Caramiñal co gallo do Día Mundial da Poesía, unha cita que contará tamén cun compoñente musical da man da soprano Esperanza Mara.

Se ben esta data se conmemora no 21 de marzo, a Concellaría da Cultura opta por realizar esta actividade no día 22 por ser venres e favorecer así a asistencia das persoas interesadas.

O Auditorio do Museo Valle-Inclán converterase, a partir das 20.00 horas, nun epicentro poético. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que neste ano se impulsa esta iniciativa para “pór en valor este xénero literario e a figura da e do poeta. Ademais, queremos que este recital sexa participativo, queremos que o público pase a ser parte activa coa lectura dalgúns versos. Animamos, polo tanto, a que asista con algún poema, que pode ser de creación propia.”

Pola súa parte, a escritora Marta Ojea falou en calidade de coordinadora deste evento. “É importante visibiliza-la poesía e os poetas da nosa contorna; facela accesible á xente”, manifesta. Contarase, polo tanto, cun grupo heteroxéneo que fará máis enriquecedora esta experiencia. “Vaise desfrutar dun momento máxico, cheo de palabras, de música, de emocións”, apunta.

Nesta mesma liña tamén se pronuncia a bibliotecaria municipal, Loló Fernández, quen anima a que a veciñanza faga a súa contribución no recital, ben sexa lendo as súas propias creacións ou logo de escoller un exemplar na biblioteca municipal Victoriano García Martí, con asesoramento, segundo os/as autores/autoras e temáticas predilectas.