• O Concello colabora na organización de II Concentración de Motos ‘Vos de Sempre’
• O sábado 27 e o domingo 28 haberá roteiros turísticas, espectáculos musicais e comidas. Ademais, é posible durmir no pavillón previa inscrición
As motos regresan a Ortigueira a finais de abril. O sábado 27 e o domingo 28 do próximo mes, os amantes das dúas rodas teñen unha cita na Alameda da localidade, epicentro dun encontro moteiro que se afianza no calendario tras a súa primeira edición, celebrada en maio do pasado ano e que contou con máis de 300 apaixonados polo mundo das motos.
A II Concentración de Motos ‘Vos de Sempre’ conta coa colaboración do Concello de Ortigueira para a súa organización e ofrece dúas xornadas con roteiros turísticos polo municipio e os seus arredores, espectáculos musicais, comidas e agasallos. Todo co obxectivo de xerar un clima de fraternidade e converter Ortigueira no epicentro moteiro de Galicia esa fin de semana.
Tanto as inscricións para durmir no pavillón de Ortigueira entre a noite do sábado e a do domingo como para apuntarse á comida están xa abertas. Para solicitar unha praza no polideportivo é preciso chamar ao 660715914. Para confirmar presenza na mesa, ao 625693323, con data límite o 24 de abril.
Deste xeito, a xornada do sábado arrincará ás 10:00 horas coa recollida de inscricións. Hora e media despois, ás 11:30 horas, comezará a primeira dos roteiros turísticos polo municipio e arredores, que desembocará na sesión vermú do Grupo M5 na carpa da Alameda. A continuación deste vermú, haberá comida con callos e carrilleras, ademais de pan, sobremesa, bebida e café. O prezo para un día é de 35 euros. Para dous, 45.
Pola tarde, a Estación de autobuses acollerá a partir das 18:00 horas a exhibición de Cadrado Stunt. Ás 21:00 horas está prevista a cea con menú de paella e antes da verbena, que arrincará ás 23:00 horas de novo co Grupo M5, sorteo de agasallos para os rexistrados.
Tras a longa xornada do sábado, a sesión dominical arrincará ás 11:30 horas co Roteiro Pequeno polo Concello. Ás 14:00 horas celebrarase a comida con churrasco de menú para poñer o punto e final a dous días nos que Ortigueira acollerá cos brazos a todos os apaixonados e apaixonadas polas dúas rodas.