O Concello de Neda abre este mércores, 20 de marzo, ata o 15 de abril o prazo de pre-inscricións para novo alumnado na escola infantil municipal Os Pelegríns. As solicitudes, xunto coa documentación complementaria, para beneficiarse deste servizo socioeducativo, que atende a menores con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, realizaranse no rexistro municipal (ben de forma presencial na Casa Consistorial ben na sede electrónica).
A escola infantil, situada xunto ao Paseo marítimo de Xubia, aposta pola experimentación e o xogo como métodos para facilitar a aprendizaxe, e funciona durante os 12 meses do ano, cun horario que abarca de 8 a 16 horas. Ofrece as posibilidades de xornada completa, media xornada e xornada reducida, segundo as necesidades das familias. E mantén a súa aposta pola alimentación saudable, contando con cociña propia.
O servizo municipal que é, sen dúbida a principal oferta do Concello de Neda para facilitar á veciñanza a conciliación de vida familiar, persoal e laboral, volverá ser absolutamente gratuíto para as familias dos menores usuarios.
O regulamento municipal de Os Pelegríns establece como preferencia que os nenos/as estean empadroados durante o tempo de asistencia á escola. Con todo, poderán anotarse persoas doutros municipios se existen vacantes. Circunstancia que se vén producindo nos últimos anos. Na adxudicación de prazas terán primarase aos solicitantes con irmán/á cunha praza renovada no centro o ás familias con máis puntos na baremo das circunstancias socioeconómicas.
No caso de que non se cubran a totalidade das 40 prazas, manteríase aberto o prazo de reserva. Para máis información pode contactarse coa escola a través do teléfono 682562616.