Establécense tres categorías: investigadores, peregrinos (diarios de peregrino e experiencias persoais) e menores de 18 anos
O Concello de Oroso convoca a primeira edición do Certame de Traballos de Investigación do Camiño Inglés. Un certame aberto a calquera persoa que desexe participar, sempre que o seu traballo se refira a calquera faceta do Camiño Inglés tanto en Galicia como noutras partes. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, e poderán entregarse en galego, castelán ou inglés.
O Concello de Oroso establece tres categorías: investigadores, peregrinos maiores de 18 anos e mozos/as menores de 18 anos. Os traballos poderán presentarse en soporte papel no centro cultural de Sigüeiro ou enviarse por formato electrónico a cultura@concellooroso.com. A data límite de presentación será o 31 de marzo de 2016.
Extensión e premios
A extensión mínima dos traballos de investigadores será de 18.000 caracteres e optarán a tres premios: 1.000 euros, unha tablet e unha viaxe ata A Coruña ou Ferrol para facer o Camiño Inglés (con cea e aloxamento en Oroso). No caso dos peregrinos, poderán presnetar os seus diarios de peregrino ou relatos das súas experiencias persoais dun mínimo de 5.000 caracteres. Optarán a tres premios: unha tablet, un disco duro e un convite para dúas persoas para coñecer o Camiño Inglés en Oroso durante unha fin de semana. Finalmente, na categoría de menores de 18 anos, os caracteres mínimo son 2.500 e os tres premios serán: unha tablet, unha Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago e un bono de 100 euros para mercar nunha tenda local. Os traballos deberán presentarse mecanografados a dobre espazo, agás os estudantes de Primaria e Infantil que poderán presentalos escritos a man.
O Concello de Oroso quedará cunha copia dos traballos presentados, que pasará a formar parte dos fondos propios do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI). Así mesmo, os autores cederán ao Concello os dereitos de publicación da primeira edición dos traballos premiados.
O Concello de Oroso puxo en marcha o pasado mes de novembro o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés, unha iniciativa municipal emprazada no centro cultural de Sigüeiro, cun fondo bibliográfico e audiovisual de máis de douscentos documentos e que está especialmente dirixido a investigadores do Camiño Inglés. De feito, nestes primeiros dous meses de funcionamento xa rexistrou un par de visitas de investigadores da provincia coruñesa.