A charla desenvolverase na Casa da Cultura a partir das 17:00h
Vai dirixida a familias con rapazada de 6 a 16 anos e fai falla inscrición previa -gratuíta- no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal
A Escola de Familias promovida polo departamento de Servizos Sociais ten programado para este mércores 20 de marzo a partir das 17:00h o obradoiro “Impacto e prevención do bullying na vida das nosas crianzas”, co que se pretenden ofrecer algunhas claves para detectar e previr o acoso na infancia e a adolescencia, que cada vez vai a máis, sobre todo a raíz da irrupción dos dispositivos móbiles e das redes sociais (coa variante do ciberbullying). A sesión, que se desenvolverá na Casa da Cultura, estará conducida pola psicóloga Pilar Carballeira e a educadora Laura Balado. Vai dirixida a familias con rapazada de 6 a 16 anos e fai falla inscrición previa -gratuíta- no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.
O bullying ou acoso entre a rapazada é unha dos problemas que máis preocupa ás nais e pais con crianzas na educación obrigatoria. Segundo o estudo oficial da ONG internacional Bullying Sen Fronteiras, España é o terceiro país do mundo con máis casos detectados no curso 2022/23. Segundo esta mesma entidade, 7 de cada 10 menores de idade sofren todos os días algún de tipo de acoso, amplificado ademais coas variantes que se exercen a través dos dispositivos móbiles e as redes sociais máis empregadas pola cativería e a mocidade.
Saber como detectar estas situacións -tanto desde a óptica de quen exerce como de quen sofre o acoso- será o tema central do encontro dirixido por Carballeira e Balado, quen xa se ocuparon hai uns días da sesión relativa ás perrenchas infantís.
Ambas expertas farán unha introdución ao concepto do bullying, os seus distintos tipos e as fases en que se desenvolve, ademais de explicar quen participan no acoso, as variables que inflúen, as causas e as consecuencias, tamén de tipo legal.
Unha parte importante será, precisamente, a de aprender a ver os sinais que permitan identificar tanto ás vítimas como a quen exerce o acoso, ademais da maneira de abordar a situación en ambos casos. Na Escola de Familias incidirase a este respecto na importancia da prevención mediante modelos educativos que fomenten a comunicación e as relacións de confianza coas nosas fillas e fillos.
Tal e como se indica desde o departamento de Educación Familiar da área de Servizos Sociais, a finalidade do obradoiro é “comprender aos nosos fillos e fillas, a nós mesmas como nais e pais, e a situación da nosa convivencia familiar”. Un punto de partida para poñer en práctica “estratexias e técnicas que potencien o noso propio coñecemento e que fomenten a comunicación honesta e respectuosa na familia, ademais de promover a empatía como alternativa á disciplina baseada no castigo”.
Esta nova sesión do ciclo Escola de Familias vai ter lugar, coma as anteriores, na Casa da Cultura. Será este mércores 20 de marzo entre as 17:00 e aproximadamente as 18:30h. A participación é gratuíta, pero fai falla anotarse antes chamando ao 673 903 922 ou mandando un correo a veronica.perez@sansadurnino.gal.