Thursday 21 de November de 2024

A Fusquenlla inicia o cuarto curso de capacitación de persoas usuarias do centro de transformación


Cando remate esta quenda, a mediados de abril, serán xa 110 as persoas certificadas para utilizar as instalacións

O Centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña, iniciou o pasado venres unha nova acción formativa para capacitar ás produtoras e produtores da comarca tanto no manexo do equipamento como nas técnicas de transformación e envasado alimentario. Trátase do cuarto curso deste tipo que se ofrece nas instalacións, co obxectivo de seguir ampliando a base social dun proxecto co que se busca dinamizar a economía da zona apostando polos produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias. Neste primeiro curso de 2024 participan un total de 20 persoas, admitidas a partir do listado de agarda das solicitudes rexistradas até o momento a través do formulario da web afusquenlla.gal.

A Fusquenlla ofrece ao longo do ano cursos de capacitación técnica obrigatoria para aquelas persoas que queiran utilizar o centro, que non está limitado unicamente á veciñanza dos sete concellos promotores -recentemente uníronse Narón, As Pontes e Cedeira-, senón que está aberto a calquera persoa interesada.

Neste sentido, o formulario de inscrición recolle permanentemente solicitudes ás que se lles vai dando saída por orde de petición a medida que se van convocando accións formativas, cun cupo de entre 15 e 20 persoas. Na asignación das prazas teñen prioridade aquelas persoas que contan con REAGA e que se dedican profesionalmente á produción e a comercialización, de cara a que poidan ampliar e diversificar a súa actividade.

Trátase de cursos gratuitos de 28 horas de duración con contidos teóricos e prácticos que abordan principalmente a hixiene e manipulación de alimentos e as técnicas de conservación, ademais do manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións.

O curso iniciado o pasado venres finalizará o 19 de abril e está distribuido en sete xornadas de catro horas de duración os venres e os sábados. A parte teórica da formación desenvólvese na Casa da Xuventude de San Sadurniño, mentres que os contidos prácticos impartiranse no propio centro de transformación, situado no recinto feiral de San Ramón.

O temario inclúe no seu primeiro módulo todo o referido a hixiene, prevención de contaminacións e intoxicacións, prácticas de manipulación, hixiene, control de pragas, técnicas de conservación, rexistros sanitarios, etiquetado, etc. Nos módulos 2, 3 e 4 veranse, respectivamente, a prevención de riscos laborais, o manexo e limpeza de maquinaria e o cálculo de custes de produción fixos, ademais da levanza de rexistros. O último módulo estará máis centrado na práctica de elaboracións básicas de produtos hortofrutícolas. O curso rematará cun pequeno exame de avaliación dos coñecementos adquiridos.

Desde o proxecto A Fusquenlla -integrado por Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño- insístese en que calquera persoa que desexe participar en próximas convocatorias debe inscribirse na lista de agarda a través deste formulario de Google Drive.

A seguinte acción formativa que se levará a cabo, aínda sen data, terá unha duración de cinco horas e dirixirase á capacitación básica de persoas acompañantes que lles vaian axudar ás produtoras e produtores principais que xa teñan superado o curso de 28 horas.

Unha vez que conclúa o curso iniciado o venres, serán xa 110 as persoas certificadas para traballar no centro de transformación, 70 como usuarias principais e 40 como axudantes.