Friday 22 de November de 2024

O Concello de Carballo pon en marcha un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras


Coincidindo co Día Forestal Mundial, un grupo de escolares realizarán a plantación dos primeiros exemplares na Horta Seixo Branco

Coincidindo coa celebración do Día Forestal Mundial, o 21 de marzo, a Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha o proceso de formación da Horta Seixo Branco, un proxecto de recuperación de variedades autóctonas de árbores froiteiras que ten como finalidade, por unha banda, a preservación de especies locais para a súa difusión e posta en valor para o seu cultivo a nivel tanto particular coma profesional, e, por outra, a creación dunha aula interactiva para o seu uso como campo de observación para escolares e público en xeral, que permitirá, por exemplo, a celebración de cursos de enxertado e de poda.

O proxecto inicial inclúe a plantación de 168 unidades de maceiras e pereiras, ademais de 100 portainxertos para Malus sp e 50 para Pyrus sp. As primeiras unidades plantaranas este xoves os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe A Cristina que participarán na visita guiada do Día da Auga. A celebración será tripla, xa que tamén conmemoraremos o Día da Poesía coa lectura dun poema por parte da rapazada. A celebración, sen embargo, estenderase a todos os coles, xa que, en colaboración co servizo municipal de xardíns, que xestiona o centro especial de emprego Dixardín, entregaranse árbores froiteiras en todos os que as soliciten para plantar nos seus recintos.

A horticultura sempre tivo un papel moi importante tanto no autoabastecemento doméstico como a nivel comercial. Os cultivos tradicionais de horta e as froiteiras con especies autóctonas de maceiras, pereiras, nogueiras, cerdeiras… formaban parte da biodiversidade das nosas zonas rurais, variedades adaptadas ás distintas condicións xeográficas, ambientais e culturais, que permitían dispor de froita practicamente en todas as épocas do ano. Pero dende mediados do século pasado estase a producir unha perda da biodivesidade agrícola, do manexo integral de recursos, e da cultura e coñecemento asociado, ao que se suma a introdución masiva de variedades foráneas sen ningún criterio, co conseguinte risco fitopatolóxico de aparición de pragas e enfermidades inexistentes ata hai poucos anos. Se a todo iso lle engadimos que son poucas persoas, e de avanzada idade, as que conservan o coñecemento dalgunhas das variedades que aínda se manteñen en poucos hortos familiares, a supervivencia das nosas variedades tradicionais de froiteiras está en serio risco, e iso é o que nos move a poñer en marcha a Horta Seixo Branco.

Máis aló da plantación simbólica que van realizar os escolares, o proxecto inclúe o acondicionamento do terreo, a formación de camiños, a instalación de rega por goteo, a plantación das primeiras variedades, a sinalización e a difusión da iniciativa, que terá continuidade a curto-medio prazo coa plantación doutras especies froiteiras. O investimento desta primeira fase acada os 20.800 euros.