Redrum Teatro presenta este sábado 23 no Auditorio Gabriel García Márquez (20:30 horas) a obra Hamelin de Juan Mayorga baixo a dirrección de Alex Sampayo.
A versión áspera do conto é máis verosímil e parécese máis ao mundo no que vivimos. No noso mundo, os nenos son os primeiros que pagan. Pagan os vicios dos maiores, as mentiras dos maiores. Neste sentido, o Hamelin que non sabe protexer os seus nenos é como moitas cidades do noso mundo. Mayorga trata o tema da pederastia cunha linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios.
Juan Mayorga aborda o asunto dunha maneira moi sutil, os silencios dos personaxes encerran grandes verdades, evita unha linguaxe ordinaria e opta por un público activo que imaxine máis aló do que se mostra en escena.
O texto foi galardoado co Premio Max en 2006, e supuxo a consagración definitiva do seu autor Juan Mayorga, Premio Princesa de Asturias das Letras neste ano 2022.
Autoría: Juan Mayorga
Dirección: Alex Sampayo
Elenco: Machi Salgado, Mónica García, Fran Lareu, Belén Constenla, Roberto Leal, Guillermo Carbajo, Rubén Porto
Xénero: drama
Duración: 90 min
Público: adulto
Prezo: 4 euros
Programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios-AGADIC