Friday 22 de November de 2024

A iniciativa pretende concienciar á poboación sobre a importancia de reducir, reutilizar e reciclar o lixo


A concellería de Medio Ambiente pon en marcha a campaña informativa “Erre que R”

“Coidar o Medio Ambiente é cousa de todos e todas xa que é un ben a preservar para nós e para as xeracións futuras. Neste labor cada persoa é imprescindible e ten a súa responsabilidade”. Baixo esta premisa, a Concellería de Medio Ambiente de Fene, en colaboración coa Deputación da Coruña, ven de presentar a campaña “Erre que R” co obxectivo de informar e acadar a implicación de todos os cidadáns na separación e uso correcto dos diferentes colectores. Segundo explicou a edil responsable desta área, Mariela Aguilar, a campaña consiste na edición de folletos informativos que, ao longo dos vindeiros días, se repartirán en todos os centros educativos do Concello.
“Cada un de nós produce máis de 400 kg. de residuos ao ano, é dicir, uns 1.200 gramos por persoa e día. Máis do 40% destes restos son envases e embalaxes que poden reciclarse se colaboramos na selección doméstica do lixo”. Coma este, son moitos os consellos que se recolle esta nova publicación do Concello de Fene. Nela, por exemplo, achégase información sobre o tipo de resíduos que se deben depositar nos diferentes colectores ou o horario de depósito do lixo nos mesmos. Tamén se explica cómo se xestiona a recollida de voluminosos por parte da Concellería de Medio Ambiente, lembrando que o servizo está operativo todos os mércores para Fene, Sillobre, Perlío, San Valentín, Magalofes e Vilar do Colo e, todos os xoves, para Maniños, Barallobre e Limodre.

Por último, e atendendo ao slogan de que “o mellor resíduo é o que non se produce” (Greenpeace), ofrécense unha serie de recomendacións para acadar ese obxectivo como evitar o uso excesivo de productos de usar e tirar, limitar no posible o consumo de envases innecesarios, reutilizar as bolsas de plástico para depositar o lixo na casa ou esmagar e pregar os envases antes de metelos no colector para reducir o seu volume. Neste mesmo apartado, lémbrase o que tarda a natureza en destruír os nosos residuos (un chicle 5 anos, unha lata de refresco de aluminio ata 100 anos, un misto 6 meses, unha botella de vidro ao redor de 4.000 anos, etc.).
“O Concello de Fene participa xa dende hai anos na recollida selectiva de residuos e envases nos diferentes colectores”, lembran dende a Concellería de Medio Ambiente, á par que animan aos cidadás a que se impliquen para “converter Fene no espazo saudable, limpo e atractivo que todas e todos desexamos”.