• Poden participar nenos e nenas desde os 3 ata os 12 anos en tres categorías diferentes: infantil, primaria 1 e primaria 2
• O debuxo creativo máis votado en cada unha das categorías recibirá un dos grandes ovos de chocolate como premio
• O prazo de presentación dos orixinais vai desde o 19 de marzo ata o 2 de abril
A Concellaría de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura organiza durante esta primavera a cuarta edición do Certame Creativo de Ovos de Pascua para a infancia no Concello de Laxe.
O obxectivo é fomentar a creatividade dos máis pequenos e pequenas do municipio durante as vacacións de Semana Santa e da Pascua, a través da relación cun dos agasallos máis tradicionais desta época como son os ovos de chocolate.
Poderán participar nenos e nenas desde os 3 ata os 12 anos, presentando un debuxo creativo dun ovo de pascua. Haberá tres categorías diferenciadas para participar: infantil (dos 3 aos 5 anos), primaria 1 (dos 6 aos 9 anos) e primaria 2 (dos 10 aos 12 anos).
O prazo para presentar os orixinais vai desde as 08 horas do 19 de marzo ata as 11 horas do martes, 2 de abril. Pódese facer a través do Rexistro Xeral do Concello, ou a través da sede electrónica municipal coa acreditación dixital incluíndo un impreso de solicitude xeral xunto cunha fotografía a proposta de debuxo creativo de ovo de pascua.
O prazo habilitado para as votacións arrincará o día martes, 2 de abril, compartíndoas nas canles habituais do Concello de Laxe, e darase por pechado o venres, 5 de abril, ás 11 horas.
As votacións poderanse efectuar a través da páxina de Facebook, a través dun “gústame” ou un “encántame” na fotografía elixida; ou a través dunha mensaxe de whatsapp ao teléfono den NovasLaxe (657 771 006) co texto “voto o debuxo creativo número “X” da categoría infantil / primaria1 /primaria2.
O debuxo creativo máis votado en cada unha das categorías recibirá un dos grandes ovos de chocolate como premio.
A entrega do agasallo ás persoas gañadoras realizarase a partir do 5 de abril, ademais do ovo recibirán un diploma conmemorativo.
O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, subliñou que “este concurso súmase ao resto do programa que desde o Concello de Laxe preparamos para esta Semana Santa, que inclúe actividades para todos os gustos e todas as idades”.
A concelleira de Cultura, Raquel Lema anima “a todos os nenos e nenas do Concello de Laxe a participar neste certame, que serve para dinamizar as actividades infantís nunha temporada non escolar”.
Pódense consultar as bases do certame na seguinte ligazón:
https://www.concellodelaxe.com/portalcidadan/noticia.php?id_seccionweb=2&id_noticia=1336&id_language=1