• A cita terá lugar o 21 de abril no Auditorio do CCC de Arteixo e está aberto a grupos de pandeireteiras/os repartidos en diferentes categorías en función da idade.
• Repartiranse 2.400 euros en premios.
• Uxía Verdía, presidenta da A.X. Xiradela: “Queremos seguir dándolle valor ao noso e manter a festa que caracteriza a nosa música tradicional e que cada ano se vive neste concurso”.
• Hai de prazo para apuntarse ata o 6 de abril nun formulario en liña accesible na web www.xiradela.org.
O XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela xa ten aberto o seu prazo de inscrición. O límite para apuntarse será o 6 de abril ás 24:00 horas. O trámite faise en liña a través dun formulario na web www.xiradela.org. A cita terá lugar o 21 de abril de 2024 en horario de mañá e tarde, no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo. Acostuman a participar agrupacións chegadas de diferentes puntos de Galicia, nomeadamente da provincia da Coruña e Lugo.
Nesta 24.ª edición do Concurso de Música Tradicional de Xiradela hai catro categorías que se dividen en función das idades das persoas integrantes do grupo. Para cada unha desas categorías hai premios en metálico para primeiro, segundo e terceiro clasificado, ademais dun trofeo para o colectivo con mellor vestiario. Alcánzase no global a cantidade de 2.400€ en premios. Os grupos participantes poderán ser: femininos, masculinos ou mixtos, e será obrigatorio o uso do traxe tradicional.
Para consultar as bases en detalle e inscribirse as agrupacións interesadas poden acceder á páxina web de A.X. Xiradela www.xiradela.org ou ás redes sociais da asociación que ten presenza en Instagram, Facebook e X. Alí atoparán un formulario para anotarse no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela. O prazo abriuse o pasado sábado 16 de marzo e rematará o sábado, 6 de abril ás 24:00 horas.
Uxía Verdía: “Queremos seguir dándolle valor ao noso”
A presidenta da A.X. Xiradela, Uxía Verdía, salienta ao respecto do concurso: “Alcanzamos a 24 edición dunha cita que xa é un clásico no ámbito do folclore galego. O ano pasado no Concurso de Música tradicional de Xiradela participaron 386 persoas de 26 asociacións repartidas en 52 grupos. Cada ano hai máis nivel e mellora a calidade das interpretacións dos grupos de pandeireta e canto que se presentan”.
Comenta tamén Verdía que nesta edición “a dotación dos premios alcanza os 2.400€. Esperamos seguir medrando en participantes moitos máis anos, pero sobre todo queremos seguir dándolle o valor ao noso e manter o ambiente de festa que caracteriza a nosa música tradicional que cada ano se vive neste concurso ao que adoita acudir numeroso público”.
Categorías e premios
As bases recollen que neste concurso poderán “participar agrupacións xuvenís, culturais, recreativas, folclóricas, de veciños ou de calquera outro tipo que o desexen. Haberá catro categorías determinadas pola media de idade do grupo. Ningún membro do grupo poderá superar en máis de dous anos a idade máxima da categoría”:
• CATEGORÍA A: ata aos 9 anos
• CATEGORÍA B: dos 9 aos 13 anos.
• CATEGORÍA C: dos 13 aos 17 anos.
• CATEGORÍA D: dos 17 anos en diante.
Só os 10 primeiros grupos anotados en cada categoría terán garantida a súa participación. No caso de se apuntar máis grupos nalgunha categoría, a súa participación dependerá do total de grupos do concurso, e será debidamente notificado pola organización.
As persoas participantes non poderán concorrer en máis dun grupo. Os grupos participantes poderán ser: femininos, masculinos ou mixtos; é obrigatorio o uso do traxe tradicional.
A organización reservarase a posibilidade de suprimir algunha das categorías de non acadar o mínimo de cinco grupos.
Os premios serán os seguintes para cada categoría:
• 1º premio: trofeo e 300 €
• 2º premio: trofeo e 200 €
• 3º premio: trofeo e 100 €
• Premio ao mellor vestiario en cada categoría: Trofeo
Cada grupo terá un tempo límite de 5 minutos para interpretar a/as peza/s coas que tomará parte no certame. O grupo que exceda o dito prazo quedará descualificado.
No momento da cualificación o xurado terá en conta:
• A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
• A súa dificultade.
• Afinación.
• Interpretación.
O xurado será nomeado pola A.X. Xiradela e os seus fallos e acordos serán inapelables.
Nesta convocatoria non participarán os grupos da A.X. Xiradela, anfitrioa e organizadora desta cita na que colabora o Concello de Arteixo.
Calquera dúbida que xurda será atendida pola A.X. Xiradela no teléfono 698179264 en horario de tarde ou no enderezo electrónico: concursoxiradela@yahoo.com.
QUEN SOMOS
A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por un lado difundir o noso traballo, e por outro, axudan a promover a socialización dos rapaces con xente doutras asociacións.
Comezamos impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliamos ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.
A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.
Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vimos celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.
No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, facilitando de este xeito o coñecemento da nosa cultura.