A posibilidade de utilizar plantas baixas que en principio se consideraron comerciais para uso residencial será unha realidade proximamente nalgúns lugares de Oleiros, grazas a unha modificación do Plan Xeral que o Goberno municipal pretende abordar nos próximos meses.
Así o manifestou o alcalde, Ángel García Seoane, quen argumentou que o Concello realizará isto coa debida seguridade xurídica para a propiedade. Nalgúns concellos rexidos por outro tipo de normas urbanísticas ao non dispoñer de Plan Xeral pode que non se dean as condicións necesarias para actuar con esa seguridade.
Algunhas vivendas plurifamiliares planificáronse coa idea de albergar nos seus baixos algunha actividade comercial, pero os cambios experimentados nas últimas décadas fixeron que esa necesidade de plantas baixas decaese, tanto debido á evolución do sector como da mobilidade e ao xurdimento do telecomercio.
Para que eses locais non perdan valor e incluso para dignificar o zócalo urbano, que en moitas ocasións dispón de locais pechados ou inutilzados, provocando feísmo, sensación de abandono e escasa hixiene urbana, Oleiros permitirá o seu uso residencial se se dan as circunstancias habitacionais e sanitarias que o fan posible.