O Concello de Neda programa para este venres pola tarde, no marco da conmemoración do “Mes da muller”, o acto institucional no que se designará ao polideportivo de San Isidro co nome de “Pavillón municipal Ale de Paz”, como recoñecemento á traxectoria profesional da xogadora local que compite na elite do fútbol sala español. Un acto co que se quere ademais reivindicar aos referentes femininos no eido deportivo.
A propia Ale de Paz, distinguida en sucesivas ocasións como mellor deportista local, será a encargada a partir das 18 horas de descubrir a placa que oficializará a nova denominación, aprobada por unanimidade polo Concello Pleno de Neda o pasado mes de outubro.
Será un acto sinxelo co que a administración local renderá tributo a esta xogadora da Selección Española Absoluta de Fútbol-Sala, que é todo un referente para a mocidade na localidade. A deportista conta cun palmarés de excepción, que inclúe dúas Eurocopas, dúas Supercopas de España, tres Copas da Raíña, dúas Ligas, tres Copas Xunta de Galicia.