O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de licitación para a contratación deste servizo
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis dun millón de euros ata 2019 para o mantemento da rede de control da calidade do aire de Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio de licitación para a contratación deste servizo.
Os traballos destinaranse ao mantemento preventivo, á corrección das incidencias que se detecten no funcionamento diario da rede, e ás operacións de calibración e verificación de todos os analizadores e captadores.
Para un correcto mantemento, que permita contar cunha rede rigorosa e da máxima fiabilidade, efectuaranse visitas periódicas ás estacións fixas e móbiles co fin de supervisar o seu estado. Ao mesmo tempo, tamén se comprobarán diariamente todos os parámetros das estacións para a detección de posibles avarías, erros de comunicación ou outras anomalías que, de producirse, serán solucionadas nun prazo inferior a 48 horas.
Ademais, tamén se calibrarán os analizadores unha vez cada tres meses, e realizaranse verificacións quincenalmente e despois de cada reparación.
Hai que recordar que a Xunta desenvolve diversas iniciativas no marco do Plan nacional de adaptación ao cambio climático. Entre elas, está a vixilancia da presenza de gases contaminantes no aire a través desta rede de control. Polo tanto, é preciso que estes elementos de análise estean en condicións óptimas de utilización, para o que é necesario levar a cabo un axeitado mantemento preventivo e correctivo.
A rede de control da calidade do aire de Galicia está formada por un total de 11 estacións situadas nas principais cidades galegas e tamén en zonas rurais para medir a contaminación noutros espazos. Ademais, a Xunta dispón tamén dunha unidade móbil autopropulsada.