Friday 22 de November de 2024

Laxe acolle o acto central do Día da Árbore na provincia cunha plantación de especies autóctonas no Bosque da Insua


• A xornada realizarase este xoves, 21 de marzo, coa colaboración da consellería de Medio Rural, o CPI Cabo da Area e a asociación Contramínate

• A iniciativa inclúe tamén unha breve charla informativa e unha formación sobre o funcionamento dun equipo contraincendios

O Concello de Laxe continúa sementando vida no Bosque da Insua, que será o escenario dos actos da provincia polo Día da Árbore, que se conmemora este xoves, 21 de marzo.

Escolares de quinto e sexto de primaria do CPI Cabo da Area realizarán unha plantación de especies autóctonas neste espazo para incidir na importancia de coidar os nosos montes.

Na iniciativa, desenvolta en colaboración coa Consellería de Medio Rural e a asociación Contramínate, participarán: Nieves Mancebo Santamaría, xefa Territorial da Consellería de Medio Rural da Coruña; Iñaki Bergaretxe Undampilleta, xefe do Servizo de Montes da Coruña; Manuel Capón Domínguez, xefe do Distrito Forestal II: Bergantiños – Mariñas Coruñesas; Pablo Vidal Ces, técnico de distrito; Juan Fermín Ínsua Bello e Mónica Ramos Gende, axentes facultativos medioambientais.

Ademais de contribuír á reforestación do monte, o alumnado tamén recibirá unha pequena charla informativa sobre o funcionamento dos nosos montes e a importancia de coidalos. Para rematar, membros da brigada forestal encargaranse de mostrarlle aos pequenos e pequenas como é o funcionamento do equipo contraincendios, da motobomba, e como se debe actuar nestes casos.

O alcalde, Francisco Charlín, que convidou a toda a veciñanza a acudir a esta xornada, destacou a importancia de “fomentar o coidado dos nosos montes entre os máis pequenos e pequenas e seguir reforestando e enchendo de vida propia este espazo”. A educación ambiental “é un concepto fundamental que debe introducirse desde as idades máis temperás, xa que eles e elas son o futuro e deben coñecer a importancia de respectar e coidar os bosques”.