Saturday 16 de November de 2024

A Xunta é premiada pola Axencia Española de Seguridade alimentaria e nutrición polo seu programa de promoción da saúde no ámbito laboral


― A Consellería de Sanidade propón converter a Xunta de Galicia nun referente de organización promotora da saúde no resto de contornas laborais

― O Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030 pon en marcha iniciativas de fomento da actividade física en edificios públicos como a colocación de sinais que indican os beneficios para a saúde de subir escaleiras fronte a usar o ascensor

A Consellería de Sanidade, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado, foi recoñecida polo seu programa de promoción da saúde no ámbito laboral na última convocatoria dos premios NAOS (Nutrición, Actividade física e Prevención da obesidade) que concede a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición. Así, o organismo valorou o traballo para situar a Xunta de Galicia como referente de empresa promotora de saúde, no marco do Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030.
O proxecto da Dirección Xeral de Saúde Pública contempla como primeira acción o deseño dunha campaña de motivación para fomentar a actividade física durante a xornada laboral. Neste sentido, colocáronse carteis con lemas como “Mellor a pé” para animar a subir escaleiras en lugar de coller o ascensor ou pegadas no chan que falan dos beneficios de camiñar “Cada minuto, 3 kcal. Menor risco de cancro de colon”.
Na mesma liña de reducir o sedentarismo, elaboráronse percorridos no interior ou exterior do Edificio Administrativo de San Lázaro, no parque Calomagno (próximo á sede da Xunta de San Caetano), na Axencia Galega de Innovación (GAIN) de Santiago de Compostela, en delegacións territoriais da Xunta ou no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol. Con eles, suxírese facer reunións en ruta como alternativa a reunións estáticas.
Outra das iniciativas é mellorar a oferta alimentaria das máquinas de autovenda de edificios públicos a través da elaboración dun modelo de pregos de prescricións técnicas para comedores de centros de traballo supervisado por especialistas en nutrición e dietética.

Desta forma, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición tivo en conta que a intervención teña en conta múltiples compoñentes baseados na evidencia científica para promover o exercicio físico e a alimentación saudable entre o plantel da Xunta de Galicia.