Aberto o prazo de inscrición para as comparsas que participarán no Antroido de Fene
O Concello de Fene repartirá este ano 6500 euros entre as comparsas que participen nos actos municipais organizados no marco do Entroido 2016. A concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García Balado, anuncia que o prazo de inscrición para as comparsas xa está aberto, logo da publicación na páxina web municipal das bases que rexerán as axudas. O prazo concluirá ás 14:00 do mércores 3 de febreiro.
Segundo a edil de Cultura, “as bases deste Entroido 2015 incorporan dúas novidades importantes como son o incremento en 2000 euros da achega municipal para as comparsas e o reparto da mesma a partes iguais”. Neste senso, explicou Amalia García, repartiranse 2000 euros entre as comparsas de adultos de Fene, 500 entre as infantís e 4000 entre todas as comparsas de adultos participantes.
Tal e como se establece nas bases, poderán participar nos actos do Entroido de Fene e beneficiarse das axudas as asociacións ou entidades legalmente constituídas ou “grupos ocasionais” que cumpran as condicións fixadas nas devanditas bases.
Este ano establécense as seguintes categorías: comparsas de adultos (cun número superior de 15 integrantes maiores de 16 anos); comparsas infantís (como no anterior, pero menores de 16 anos e aquelas persoas adultas que apoien á agrupación); comparsas de Fene (asociación con domicilio no municipio ou naquela que, cun número superior ás 15 persoas maiores de 16 anos, o 50% dos integrantes sexan veciños de Fene).
Para anotarse e optar ás subvencións, é preciso presentar a documentación requirida (consultar bases na web www.fenecidadan.gal) no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres entre as 8,30 e as 14 horas ou os sábados de 9,30 a 13,30 horas. Ademais, deberán entregar copias das cancións no departamento municipal de Cultura (Avda. Naturais, 44, entrechán dereita) e o día do festival, as comparsas que, finalmente, participen deberán repartir as letras das cancións (que serán en galego) entre o público para garantir o ambiente festivo.
AVANCE “ENTROIDO 2016” EN FENE
Como é tradicional, o acto central do Entroido 2016 de Fene terá lugar o mércores 10 de febreiro, mércores de cinsa e festivo local en Fene. A rúa Cádavo será o punto de encontro das comparsas participantes, que partirán en desfile polas principais vías do municipio para amenizar a festa coas súas letras, ironía e disfraces. O seu destino será a praza do Concello, onde terá lugar o Festival. E, a continuación, o Concello ten previsto un gran baile.
Unha xornada de Entroido que virá precedida do obradoiro de “Cociña Entroideira para nenos e nenas” que terá lugar o luns 8 de febreiro, a partir das 18:00 h, na parroquia de Perlío en local a determinar. Ao día seguinte, o martes 9 de febreiro celebrarase unha festa infantil na praza do Concello, a partir das 17:30 horas, con animación a cargo do grupo Dinamo e con reparto de lambetadas de Entroido para todos os nenos/as participantes.