Ao mediodía, trala benvida da alcaldesa, Beatriz Bascoy, José María Alonso, explica que é QueRed como rede que agrupa a máis de 300 pequenas queixarías que nuns casos moxen e producen e noutros mercan o leite en explotacións próximas. Na entidade tamén participan outras empresas do sector -son 400 membros en total- que, en conxunto, apostan polas pequenas producións como maneira de preservar a tradición e de promover un desenvolvemento sostible vinculado coa terra.
A entidade presentou na feira dous dos proxectos nos que está implicada. Dunha banda, a posta en marcha da Ruta QueRed, cun investimento inicial de 200.000 euros, co obxectivo de crear itinerarios en toda España -QueRed ten membros nas 17 comunidades- nos que os distintos queixos sexan fío condutor de experiencias turísticas que combinen gastronomía, cultura e paisaxe.
Tal e como explicou o seu presidente, neste momento están na fase tecnolóxica de creación dunha APP que permita descubrir a oferta de servizos das queixerías participantes, así como planificar percorridos e reservar visitas. A idea, que será unha realidade ao longo deste ano, botará a andar con 110 queixarías que xa viñan acollendo actividades similares en paralelo coa produción e venda de queixos.
Por outro lado, QueRed tamén explicou da man da queixeira María Veiga -da queixería guitirica Bisqato- o proxecto europeo Pastinnova, a través do que se están estudando modelos novidosos de pastoreo na conca mediterránea que se adapten a cada zona e que contribúan á sostenibilidade social e ambiental da actividade gandeira.
Curso sobre normativa europea
A QueRed tamén centra o seu traballo no asesoramento ás súas asociadas e na defensa dos seus intereses perante as institucións. Diso falou a queixeira e consultora Remedios Carrasco no curso sobre normativa de seguridade alimentaria que se desenvolveu entre as 16:00 e as 19:00h. Na sesión explicouse a regulación da artesanía alimentaria, que é de ámbito europeo e de aplicación directa en todos os estados membros da UE.
Unha regulación sobre a que existe aínda un grande descoñecemento e que, en moitos casos -segundo a interpretación que fagan dela os organismos responsables- mete no mesmo saco á grande industria e ás pequenas queixarías, obviando a súa pequena dimensión e o carácter artesanal que Europa pretende protexer e potenciar.
Neste sentido, QueRed elaborou unha guía que recolle os aspectos principais da normativa, co obxectivo de que as asociadas poidan defender os seus dereitos, pero tamén coa finalidade de que os servizos estatais, autonómicos e municipais responsables da vixilancia da seguridade alimentaria saiban como aplicala sen prexudicar a actividade das queixarías artesanais.
A actividade no recinto feiral de San Ramón completouse hoxe coa actuación da agrupación de baile tradicional Alxibeira de Narón e cunha degustación dalgúns dos queixos que se poderán mercar mañá domingo, día grande da Feira do Queixo de Moeche. Unha xornada que virá chea de variedade e calidade no produto estrela e, ademais, dunha chea de actividades paralelas que poden consultarse neste enlace.
Desde o Concello lémbrase que o Tren do Queixo sairá desde Ferrol ás 10:45h, con tres regresos desde Moeche ao longo do día: ás 14:04, ás 17:29 e ás 19:19h. Un cuarto de hora antes sairá un autobús gratuíto desde a feira con destino á estación de Moeche.