Friday 22 de November de 2024

O BNG propón revisar os prezos do conservatorio para facer máis accesíbel o acceso ao ensino musical


O custo para as familias con alumnado no Conservatorio de Culleredo é claramente dos máis elevados do país.

A moción do BNG procura achegar os prezos a outros centros de similares características en Galiza, así como incluír diferentes bonificacións atendendo á situación das familias.

A Xunta de Galiza debe asumir as súas competencias en materia educativa para rematar con esta situación de desigualdade.

O BNG de Culleredo quere facilitar o acceso á educación musical a todas as persoas que o desexen, e por iso vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal, referente á modificación da Ordenanza Fiscal sobre prezos públicos por ensinanzas e actividades educativas, culturais, deportivas e xuvenís, na procura de que os prezos do Conservatorio Profesional de Música sexan máis parellos aos de outros centros de similares características.

No presente, o Conservatorio Profesional de Música de Culleredo está sendo un dos máis caros na Galiza, cun custe de 809,83 euros por estudante ao ano no grao elemental, e 955,7 euros por estudante ao ano no grao profesional. Noutros centros o prezo sitúase arredor dos 315 euros anuais por estudante, e vai subindo só a medida que se avanza cara aos últimos anos do grao profesional.

Ademais de actualizar os prezos públicos para as ensinanzas musicais, tamén é preciso revisar e engadir posibilidades de bonificación para que as circunstacias familiares non supoñan un impedimento no acceso igualitario, como se fai noutras administracións, como por exemplo a bonificación a unidades familiares monomarentais, a persoas en situación de desemprego, a persoas perceptoras da RISGA e outras axudas e pensións non contributivas, a participación de persoas con discapacidade, as vítimas de violencia de xénero, ou o recoñecemento das matrículas de honra, entre outras que non se aplican actualmente no Conservatorio Profesional de Culleredo.

Compre remarcar que o Estatuto de Autonomía, no seu artigo 31, recolle que “É da competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, […].”. Mais a Xunta só considera oportuno ofrecer formación musical nas grandes cidades galegas. O BNG ten reclamado en numerosas ocasións que o goberno autonómico debe asumir as súas competencias e facerse cargo destes centros para rematar con esta situación de desigualdade. Mentres tanto, a Xunta non ofrece axuda algunha para o mantemento destes servizos. Malia todo, debemos traballar por que o labor xa feito por entidades locais que achegaron este tipo de ensino fóra das urbes do país, sexa verdadeiramente accesible e igualitario no acceso.

Como parte da moción do BNG inclúese a entrada en vigor da nova ordenanza modificada antes da apertura de matrícula do novo curso 2024/2025 e a participación de colectivos afectados por esta modificación da ordenanza na súa redacción, nomeadamente da Asociación de Nais e Pais do CMUS de Culleredo, con quen o BNG leva traballando tempo nesta proposta e noutras medidas para mellorar a calidade do ensino musical no noso concello.