― Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 8.000 metros, ao paso polas parroquias de Cambeda, Vimianzo e Calo
― As tarefas consisten na roza e na retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos
― Os traballos permiten a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos ao seu paso polo concello de Vimianzo.
Estas tarefas desenvólvense nunha lonxitude total de preto de 8.000 metros, nas parroquias de Cambeda, Calo e Vimianzo.
Os traballos céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e biomasa presente na canle para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, os treitos de ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas súas zonas de acceso e protección.
Estas intervencións permiten a mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos