Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza na creación de novas infraestruturas para a cidadanía no barrio de Catro Camiños
O Concello da Coruña acometerá nas vindeiras semanas as obras de construción dunha nova área para a práctica de calistenia na praza José Toubes Pego, no barrio de Catro Camiños.
Este espazo, de nova creación, complementa as dotacións deportivas xa habilitadas polo Goberno de Inés Rey baixo o viaduto de Alfonso Molina, onde a mediados do ano pasado abriuse ao público unha pista de skate e outra pista multideporte no sector que está fronte á igrexa de San Pedro de Mezonzo.
A estas dúas infraestruturas sumarase proximamente outra máis: unha área de calistenia coa que o Concello busca ampliar a oferta deportiva en José Toubes, recuperando espazos públicos co obxectivo de crear novos puntos de ocio e lecer para a cidadanía. No caso da área de calistenia, a súa localización será no sector norte da praza, nun punto que actualmente é un espazo de lecer e descanso no que hai un círculo central de céspede (o antigo areeiro) que será agora recuperado para a práctica deportiva.
Nesta superficie está prevista a instalación de novos equipamentos para o exercicio ao aire libre cos que as persoas usuarias poderán practicar actividade física usando o seu propio peso corporal. A este respecto, habilitaranse diversos circuítos de adestramento de fortalecementos muscular, con estruturas combinadas que inclúen barras de monkey-swing, un banco de abdominais inclinado e barras para o exercicio de tríceps. Tamén haberá estruturas de barras paralelas, para flexións e push-ups.
Cómpre destacar, ademais, que o novo espazo para a práctica deportiva de calistenia estará delimitado de tal forma que, á súa esquerda, manteranse os percorridos peonís necesarios para acceder á área de lecer, onde tamén se instalará novo mobiliario urbano, con tres bancos situados fronte á área de calistenia.
O prazo de execución das obras, a contabilizar desde a súa posta en marcha, será de catro meses. O investimento previsto polo Concello é de máis de 46.000 euros.
Avanza o plan para reforzar as infraestruturas deportivas nos barrios
As estruturas que incorporará o novo espazo de calistenia na praza José Toubes serán semellantes ás xa dispostas polo Goberno de Inés Rey nas áreas de calistenia da praia de Oza e a rúa Alcalde Jaime Hervada, no Ventorrillo —abertas durante o pasado mandato— e a primeira que se habilitou no Barrio das Flores, inaugurada o pasado verán na contorna do pavillón polideportivo municipal.
“O noso obxectivo é que cada barrio da Coruña dispoña das infraestruturas deportivas necesarias para o uso e gozo da cidadanía. Falamos dun plan progresivo, no que paso a paso se irán atendendo as demandas específicas de cada distrito, escoitando ás veciñas e veciños, e valorando as necesidades ou suxerencias das persoas usuarias”, incidiu a alcaldesa, Inés Rey.
A este respecto, cómpre lembrar que o Concello tamén está a executar a creación dun pequeno espazo biosaludable na praza do Parque, no sector leste do barrio de Monte Alto, onde aproveitando as melloras na área de xogos infantís estase a habilitar unha nova área para a práctica deportiva e exercicio físico moderado, ideada para as persoas maiores.