Friday 22 de November de 2024

Máis de 400 nenos e nenas de Carballo realizarán visitas guiadas polo ciclo da auga a partir do luns 18


• Escolares de primaria participarán nas actividades programadas pola Concellaría de Medio Ambiente e Gestagua, arredor do Día da Auga

• O 21 de marzo, Día Forestal Mundial, a actividade complementarase cunha plantación de árbores froiteiras coa colaboración de Dixardín

O 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga, unha efeméride que nos lembra a importancia da auga doce para a vida, de avogar pola xestión sostible do recurso e, neste 2024, moi especialmente, do papel que xoga na paz mundial. Arredor desta simbólica data, a Concellaría de Medio Ambiente e a empresa concesionaria do ciclo integral da auga no noso concello, Gestagua, organizamos unha actividade que permitirá a máis de 400 escolares de primaria coñecer cal é o proceso que permite que a auga chegue desde o río ata as billas dos seus fogares.

A partir do luns 18 realizaremos visitas guiadas para todos os coles interesados, para alumnado dos niveis establecidos polos propios centros escolares. Xa están confirmados CRA Ponte da Pedra, CPR Artai, CEIP Fogar, CEIP A Cristina, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Bergantiños e CEIP Gándara-Sofán, polo que participarán todos os colexios do concello. As datas tamén están fixadas, aínda que poderían modificarse en función das condicións meteorolóxicas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, destacou a relevancia de dar a coñecer á poboación o complexo proceso, moitas veces pouco visible para a veciñanza, que permite que a auga chegue ata as nosas casas. Por iso, ademais das visitas guiadas para os/as escolares de primaria, ao longo do ano realizaremos xornadas de portas abertas para o alumnado de secundaria, persoas adultas, maiores e entidades de todo tipo. O obxectivo é concienciar á veciñanza sobre a importancia do uso eficiente da auga como recurso escaso, coidando deste xeito o medio ambiente e avogando pola sustentabilidade.

Na mesma liña, o xefe de servizo e director de operacións de Gestagua en Carballo, Benigno López, insistiu na importancia de concienciar á sociedade sobre a importante de preservar e protexer o medio ambiente a través do coidado dos recursos naturais, como é a auga. As secas, cada vez máis frecuentes, e o aumento das temperaturas converten a auga nun recurso cada vez máis prezado, xa que, aínda que o 70% do planeta está cuberto de auga, a que podemos consumir os humanos representa só un 0,0007%. Por este motivo, apuntou, é moi importante educar aos nenos e nenas nese sentido, ademais de amosarlles como funciona o ciclo da auga, completando deste xeito a formación que se lles ofrece na aula e facéndoos conscientes de todo o traballo que hai detrás do xesto cotián de abrir a billa ou de tirar da cisterna.
Dado que o Día da Auga coincide na mesma semana que o Día Forestal Mundial, o 21 de marzo será unha xornada moi especial, na que os nenos e nenas participantes realizarán unha pequena plantación de froiteiras no Seixo Branco (Verdillo), na que tamén colaborará Dixardín. Ademais, todo o alumnado participante nas visitas recibirá bolsiñas con sementes, e a cada colexio entregaránselle exemplares de árbores para plantar nos recintos escolares.