O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, foi o encargado de dar a saída desde a praza de María Pita
O concelleiro a Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, foi o encargado de dar a saída do XXVIII Rallye da Coruña, que se desenvolverá este sábado 16 en catro tramos repartidos pola comarca coruñesa. Máis dun cento de pilotos competirán nesta proba, que suporá o inicio do Campionato Galego de Rallyes 2024.
O Goberno de Inés Rey continúa, deste xeito, promovendo a celebración de grandes eventos deportivos na cidade. A praza de María Pita foi esta tarde o gran epicentro deste evento e onde se reuniron, no parque pechado, os 108 vehículos inscritos. Ademais, na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor leváronse a cabo durante a xornada as oportunas verificacións técnicas.
O rallye disputarase nunha única etapa mañá, sábado 16, con catro tramos a dobre pasada e un total de 89 quilómetros cronometrados. O primeiro será Coirós – Oza – Cesuras, de 9,47 quilómetros. Tamén pola mañá disputarase o tramo que transcorre no Concello de Aranga, de 14,88 quilómetros. Xa pola tarde, terán lugar os tramos de Arteixo – Culleredo, de 9,69 quilómetros, e de Cerceda, de 10,47 quilómetros.
Unha vez finalizada a proba, está previsto que os vehículos cheguen á praza de María Pita a partir das 21.00 horas. Ás 22.00 horas celebrarase a entrega de trofeos e todos os coches participantes permanecerán na praza ata a medianoite.