Saturday 16 de November de 2024

Rey e Collboni comparten retos sobre o seu modelo de transformación urbana


A alcaldesa da Coruña mantivo unha reunión co rexedor de Barcelona para poñer en común proxectos, coa mobilidade sostible e a vivenda como eixes prioritarios

Os rexedores acordan estreitar a cooperación en materia cultural e desenvolvemento tecnolóxico

A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, no edificio consistorial catalán para a posta en común dos proxectos de cidade que están a desenvolver desde cada urbe. Ambos puxeron en común retos compartidos en materia de transformación urbana, co espazo público e a mobilidade sostible como eixes prioritarios.

Nese sentido, Rey e Collboni valoraron as accións levadas a cabo en materia de rexeneración dos barrios como exemplo de investimento en calidade urbana. “Facer avanzar as nosas cidades cara a un modelo máis sostible é unha prioridade, mais tamén manter o noso patrimonio, conservando e poñendo en valor o seu casco histórico con actuacións de accesibilidade, rehabilitación e prioridade peonil para que sigan sendo centro neurálxico da actividade social” sinalaron.
Rey e Collboni sinalaron a importancia que tiveron as diferentes convocatorias de fondos europeos para a tranformación das cidades e a necesidade de continuar avanzando nesa liña.

A vivenda, problema compartido e reto común

A alcaldesa e o alcalde sinalaron o problema da vivenda como unha cuestión común e principal reto para os vindeiros anos en ambas as cidades. Tanto A Coruña como Barcelona apostan polas axudas á rehabilitación como aliciente para a posta a punto de vivendasbaleiras e a ampliación da bolsa de alugueiro municipal. Inés Rey destacou a aposta do Goberno local pola posta en marcha dun Plan de Vivenda 2024-2030, dotado con 13,22 millóns de euros totais dos que máis de 1,8 millóns de euros estarán destinados a iniciar a construción dun edificio con 50 vivendas de réxime público en Xuxán e 2,5 millóns de euros para a adquisición de solo para vivenda en alugueiro, co obxectivo de sacalo en concesión e construir vivenda en alugueiro a prezo taxado.

Rey lembrou que no caso de Barcelona xa conta cun regulamento de prezos de acordo coa nova Lei Estatal de Vivenda, sendo declarada pola Generalitat de Cataluña como Zona de Mercado Residencial Tensionado a diferencia da Coruña, na que a Xunta de Galicia decidiu non aplicar a lei de acordo coas súas competencias.

Cooperación en materia cultural e transformación dixital

Rey e Collboni mostraron o seu compromiso de incrementar a cooperación entre as cidades en dúas materias prioritarias para ambos os Gobernos: a cultura e o desenvolvemento tecnolóxico. En materia cultural acordaron colaborar no desenvolvemento de proxectos comúns e en materia de innovación dixital compartiron a oportunidade que supón a elección da Coruña como sede da primeira Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia artificial e o potencial de Barcelona no ámbito da innovación e a transformación dixital.

A saúde mental como prioridade nos servizos sociais

Rey e Collboni abordaron a cuestión da saúde mental como un dos retos inmediatos a atallar desde os Gobernos locais coa posta en marcha de recursos municipais ante a crecente demanda, especialmente nas idades máis temperás.

A Coruña iniciou xa o primeiro Plan Municipal de Saúde Mental, con medio cento de medidas a executar desde este ano e ata o 2028. Destacan algunhas xa en marcha, como o reforzo da programación de actividades de ocio alternativo para a mocidade a través dos Espazos Xuvenís, cuestión compartida co concello barcelonés. Ambos sinalaron a potencialidade dos Centros Cívicos e Casals como espazos para loitar contra a soidade non desexada en maiores e adolescentes.