Friday 22 de November de 2024

O Plan Municipal de Saúde Mental de Santiago marca unha estratexia encamiñada á prevención cunha campaña de sensibilización social


A concelleira Pilar Lueiro mantivo unha reunión de traballo sobre o desenvolvemento do Plan municipal de saúde mental, onde trazou a estratexia encamiñada á prevención, con campañas de sensibilización social, difusión de actividades e recursos de acceso libre e gratuíto, con especial atención ao suicidio e á mocidade. Incluirá tamén actuacións de integración comunitaria dirixidas ás persoas con trastornos para a creación e fortalecemento dunha rede de apoio.

Esta estratexia contará coa implicación de distintos departamentos municipais do Concello de Santiago e coa convocatoria dunha mesa de diálogo con axentes vinculados como a Unidade de prevención do suicidio do CHUS, FEAFES, Policía, UMAD e Movemento galego da saúde mental. Ademais, iniciaranse os trámites para a convocatoria do Consello Muncipal de Saúde.

Entre os factores a ter en conta, valoraranse na planificación deste Plan municipal de saúde mental determinantes sociais como pobreza e exclusión, situación de vivenda, xénero, soidade non desexada, actividades de lecer alternativo, o tecido asociativo e familias, redes de apoio e servizos de conciliación.

Neste encontro participaron, ademais da concelleira, Rosa Cerqueiro, voceira do Movemento Galego da Saúde Mental; María Carou, directora da UMAD; e Jorge Carballido, técnico municipal.