Sunday 24 de November de 2024

O Aquarium Finisterrae acolle un obradoiro sobre biodiversidade con animais vivos


Terá lugar a fin de semana do 23 e 24 de marzo para conmemorar o Día Internacional dos Bosques, que é o 21 de marzo

O Concello da Coruña organiza no Aquarium Finisterrae unha actividade para coñecer de preto unha mostra da enorme variedade dos invertebrados máis sorprendentes que poboan os bosques do noso planeta. Poderase descubrir en vivo e en directo diferentes aspectos da bioloxía de especies como escorpións, o milpés xigantes, o escaravello goliat, migalas, bolboretas xigantes, insectos folla, insectos pau, cangrexos ermitán dos bosques etc.

A actividade, estará atendida por Miguel Santamaría, biólogo e divulgador científico. O Goberno de Inés Rey prosegue deste xeito ofrecendo actividades de calidade e grande interese para a cidadanía nos Museos Científicos. Este novo obradoiro está enmarcado dentro dos actos polo 25 aniversario do Aquarium Finisterrae.

Haberá dúas sesións deste taller, o sábado 23 e o domingo 24 de marzo, en horario de 12.00 a 14.00 horas. Hai 25 prazas en cada xornada, só para maiores de 7 anos, e será necesario reservar a entrada. As persoas que reserven praza deberán aboar o prezo da entrada ao Aquarium Finisterrae que lles corresponda. A reserva de entradas poderá realizarse desde o mércores 20 de marzo nesta páxina: https://ticketing.coruna.gal/mc2/tallerbiodiv/

Ao tratarse dunha actividade con animais vivos o obradoiro achega un compoñente emocional moi importante, xa que permite aos asistentes interactuar coa maioría das especies. Presentaranse exemplares vivos das principais clases de artrópodos: insectos, arácnidos, crustáceos e miriápodos. E mostraranse as especies que destacan polo seu tamaño, beleza ou por algunha característica que os fai máis atractivos ou diferentes.