A charla desenvolverase o próximo mércores a partir das 17:00h na Casa da Cultura
Vai dirixida a familias con rapazada de 6 a 16 anos e fai falla inscrición previa -gratuíta- no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal
A Escola de Familias promovida polo departamento de Servizos Sociais ten programado para o próximo mércores 20 de marzo a partir das 17:00h o obradoiro “Impacto e prevención do bullying na vida das nosas crianzas”, co que se pretenden ofrecer algunhas claves para detectar e previr o acoso na infancia e a adolescencia, que cada vez vai a máis, sobre todo a raíz da irrupción dos dispositivos móbiles e das redes sociais (coa variante do ciberbullying). A sesión, que se desenvolverá na Casa da Cultura, estará conducida pola psicóloga Pilar Carballeira e a educadora Laura Balado. Vai dirixida a familias con rapazada de 6 a 16 anos e fai falla inscrición previa -gratuíta- no 673 903 922 ou no correo veronica.perez@sansadurnino.gal.
O bullying ou acoso entre a rapazada é unha dos problemas que máis preocupa ás nais e pais con crianzas na educación obrigatoria. Segundo o estudo oficial da ONG Internacional Bullying Sen Fronteiras, España é o terceiro país do mundo con máis casos detectados no curso 2022/23. Segundo esta mesma entidade, 7 de cada 10 menores de idade sofren todos os días algún de tipo de acoso, amplificado ademais coas variantes que se exercen a través dos dispositivos móbiles e as redes sociais máis empregadas pola cativería e a mocidade.
Saber como detectar estas situacións -tanto desde a óptica de quen exerce como de quen sofre o acoso- será o tema central do encontro dirixido por Carballeira e Balado, quen xa se ocuparon hai uns días da sesión relativa ás perrenchas infantís.
Ambas expertas farán unha introdución ao concepto do bullying, os seus distintos tipos e as fases en que se desenvolve, ademais de explicar quen participan no acoso, as variables que inflúen, as causas e as consecuencias, tamén de tipo legal.
Unha parte importante será, precisamente, a de aprender a ver os sinais que permitan identificar tanto ás vítimas como a quen exerce o acoso, ademais da maneira de abordar a situación en ambos casos. Na Escola de Familias incidirase a este respecto na importancia da prevención mediante modelos educativos que fomenten a comunicación e as relacións de confianza coas nosas fillas e fillos.
Tal e como se indica desde o departamento de Educación Familiar da área de Servizos Sociais, a finalidade do obradoiro é “comprender aos nosos fillos e fillas, a nós mesmas como nais e pais, e a situación da nosa convivencia familiar”. Un punto de partida para poñer en práctica “estratexias e técnicas que potencien o noso propio coñecemento e que fomenten a comunicación honesta e respectuosa na familia, ademais de promover a empatía como alternativa á disciplina baseada no castigo”.
Esta nova sesión do ciclo Escola de Familias vai ter lugar, coma as anteriores, na Casa da Cultura. Será o mércores 20 de marzo entre as 17:00 e aproximadamente as 18:30h. A participación é gratuíta, pero fai falla anotarse antes chamando ao 673 903 922 ou mandando un correo a veronica.perez@sansadurnino.gal.