Friday 22 de November de 2024

Duplícase en só cinco anos a cantidade de papel e cartón que recicla a veciñanza de Neda


Por primeira vez superáronse as 101 toneladas do colector azul

Neda retirou ao longo do pasado ano máis de cen toneladas de papel e cartón. Unha cifra récord no municipio, que consolida a evolución positiva do colector azul, mostrando o crecente compromiso da veciñanza coa reciclaxe. Só un dato, en cinco anos duplicouse (ou case) a recollida desta fracción de residuos na localidade.

Cada nedense reciclou de media durante o 2023 un total de 20,33 kg de papel e de cartón. Unha cantidade case idéntica ao do exercicio inmediatamente anterior (20 kg). Non obstante, esa leve melloría permitiu pasar por primeira vez dende que se instaurara a separación en orixe das 101 toneladas recollidas. Segundo os datos de Ecoembes, recicláronse 101.060 kg, procedentes dos colectores azuis que hai repartidos por toda a localidade. Foron 420 kg máis que no 2022.

Visto con perspectiva, a cifra está próxima a dobrar a rexistrada hai apenas un lustro. A cantidade media reciclada por habitante medrou en cinco anos un 99,28% (no 2019, era de 10,20 kg), e o total depositado nos contedores azuis aumentou un 93,82%, dende os 52.140. A porcentaxe sería a primeira de manterse a poboación de había hai cinco anos.

Igualmente positiva foi a evolución da recollida de envases lixeiros. Con todo, as cifras son máis modestas. A aportación por habitante medrou no último lustro un 26,57% ata chegar a 16,44 kg. E a suba do total recollido aumentou un 23,10 %.