Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón inaugurará mañá venres o novo parque infantil de Lestedo co espectáculo “Brinca vai!” de Paco Nogueiras


Supuxo un investimento de máis de 90.000 euros

O Concello de Boqueixón inaugurará mañá venres 15 de marzo o novo parque infantil do campo da festa de Lestedo, no que investiu máis de 90.000 euros. Unha apertura ao público que terá lugar ás 17:30 horas e que incluirá o espectáculo “Brinca vai!”, un espectáculo de Paco Nogueiras que combina cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, explica que “a mellora deste parque era unha demanda da veciñanza de Lestedo, polo que decidimos ir máis aló: retirar o parque anterior e facer un novo parque para unha zona onde a poboación está medrando”. Unha actuación licitada en 2022 pero que, debido á renuncia da empresa adxudicataria das obras, tivo que volver ser contratada e iso atrasou a finalización das obras.

Dotación

O novo parque infantil de Lestedo conta con moitos máis xogos, entre os que destacan unha gran tirolina e un columpio múltiple, con cinco asentos adaptados a distintas idades (dous asentos planos en caucho para crianzas a partir dos 3 anos; dous asentos berce para crianzas menores de 3 anos; e un asento cesto para grupos). Así mesmo, conta cunha torre tobogán composta por tres torres con pasarela, rede e dous tobogáns dirixidos a nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos. Este xogo únese á torre tobogán existente, máis sinxela e dirixida a crianzas entre os 2 e os 6 anos de idade.

Tres xogos de muelles completan o equipamento do novo parque infantil de Lestedo, cuxo perímetro está totalmente valado e no que se reduciu a pendente existente grazas ao pavimento de lousas de caucho empregado nas obras.

Ovidio Rodeiro lembra ademais que “este ano imos destinar 30.000 euros dos orzamentos municipais a arranxar todos os parques infantís de Boqueixón, salvo este Lestedo e os que xa cubrimos nas escolas unitarias”. Deste modo, o Concello de Boqueixón continúa co seu proceso de melloras nos parques infantís do municipio, tras a construción dun parque cuberto no CRA de Sergude e a cubrición e mellora dos parques das unitarias de Lestedo e Camporrapado.