O salón de actos do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acolle dende esta fin de semana, e ata o vindeiro 28 de xaneiro, a exposición “Mistur-arte”, da artista María José Rodríguez. Unha mostra de cadros que foi inaugurada por esta licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela, quen estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, e a concelleira de Turismo, Vanesa Boo.
“Mistur-arte” recolle unha selección de María José Rodríguez, coruñesa de nacemento e vilagarciana de adopción, quen foi quen de aunar as súas dúas grandes paixóns: o gusto pola ensinanza e a súa inquietude artística. Por iso, a súa obra é un compendio de distintas artes e artesanías, sen que poida cinguirse a un único estilo. Ao contrario, trátase dunha obra onde a imaxinación creadora da súa autora brota sen cesar.