— Entidades galegas e lusas participan no proxecto Gresint, liderado por Sogama e financiado con fondos europeos, que contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos coa finalidade de mellorar os seus resultados
— Ángeles Vázquez pon en valor que este traballo de investigación tamén aposta pola formación e a comunicación incidindo na sensibilización da cidadanía sobre a importancia da correcta clasificación dos residuos en orixe para a súa recuperación
— A vicepresidenta segunda en funcións destaca que iniciativas coma esta fan que o complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, se manteña á vangarda pois é a planta máis eficiente de España e de Europa e unha das máis innovadoras do mundo
Galicia e Portugal colaborarán ata 2026 na mellora da selección e tratamento de residuos de envases mediante o uso da intelixencia artificial a través do proxecto europeo Gresint. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 800.000 euros, contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos e optimizar os seus resultados.
Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a clausura da xornada Unha transformación dixital intelixente no proceso de recollida e clasificación de residuos, que supuxo o lanzamento oficial dun proxecto que lidera a empresa pública Sogama e no que participan outras entidades de Galicia e Portugal.
A responsable autonómica incidiu en que o labor investigador que se vai desenvolver ao abeiro desta acción permitirá aplicar as últimas tecnoloxías en materia de xestión de residuos nas plantas de tratamento existentes, tanto en Galicia como en Portugal, e contribuirá a mellorar a clasificación de envases para despois poder reciclalos.
De feito, os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.
Ángeles Vázquez salientou que o proxecto tamén prevé tres probas piloto nesas dúas plantas e a información obtida almacenarase nunha base de datos para un acceso fácil e seguro por parte dos integrantes da plataforma de intelixencia artificial conxunta creada no marco desta iniciativa, o que contribuirá a mellorar os resultados.
Concienciación social
A vicepresidenta segunda en funcións incidiu en que todas estas actuacións irán acompañadas dunha importante aposta pola formación e comunicación para avanzar na sensibilización da cidadanía. Nesta liña, subliñou a importancia de facer énfase na relevancia dunha correcta clasificación dos residuos en orixe para a súa recuperación.
De feito, o proxecto Gresint xerará resultados como a incorporación da I+D á xestión de residuos, a mellora na recollida e clasificación, o incremento da reciclaxe, o reforzo da concienciación social, o estreitamento das relacións entre Galicia e Portugal e a potenciación dunha industria verde e sostible de xestión de residuos.
A responsable autonómica explicou ademais que esta iniciativa está enmarcada no Plan Estratéxico de Sogama 2024-2030 para enriquecer un complexo medioambiental -o de Cerceda- que é o máis eficiente de España e de Europa e un dos máis innovadores do mundo. Deste xeito, engadiu, Galicia reforza a colaboración con Portugal apostando por unha xestión moderna e eficiente dos residuos e sumando esforzos cara a consecución dunha economía circular
A iniciativa
O proxecto Gresint, financiado con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), foi elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027) e os seus traballos estenderanse ata xuño de 2026.
Nesta acción investigadora, liderada por Sogama, participan tamén, no caso de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, e no de Portugal, tanto a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior.