Friday 22 de November de 2024

Mila Castro pregunta ao bipartito polo proxecto ‘Entre Sar e Sarela’: “hai actuacións en Cornes, na lagoa do Auditorio e no Viso que dependen del”


Castro cuestiona que o goberno poida estar “abandonando” o proxecto para o que, lembra, o goberno socialista conseguira máis de 4 millóns de fondos europeos

Contempla actuacións tamén en Pontepedriña e o impulso ao xardín botánico, ao carón do Campus Sur

Mila Castro preguntará no pleno do vindeiro mércores polo estado de execución do proxecto ‘Entre Sar e Sarela’. Este fóra un dos proxectos para os que o goberno de Sánchez Bugallo conseguira financiación europea, máis de 4 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

O proxecto inclúe cinco actuacións principais na liña de potenciar a renaturalización de zonas verdes de Santiago, “algo fundamental para Compostela que sempre foi referente na aposta e conservación de espazos verdes urbanos” recalca a edil socialista.

Concretamente recolle a ampliación de zonas verdes no barrio de Pontepedriña, a recuperación do entorno natural da pequena lagoa de Cornes e unha aposta decidida polo xardín botánico ao carón do Campus Sur da Universidade, “buscando a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela” explica.

Ademais inclúe actuacións na lagoa do Auditorio de Galicia, incluíndo tamén a restauración fluvial do río Corgo e a mellora das áreas verdes adxacentes -xardíns do Auditorio, finca de Lois e Parque das Nacións-; así como actuacións no Monte do Viso.

“Non sabemos se se está a impulsar ou se abandonaron o proxecto a súa sorte”

Castro cuestiona os avances neste proxecto desde a entrada do executivo de Sanmartín: “xa van 8 meses despois da chegada do novo goberno e, a día de hoxe, aínda non sabemos se se está a impulsar, ou se abandonaron o proxecto a súa sorte” denuncia. Insiste a que fóra responsable de Parques e Xardíns durante o pasado mandato que as actuacións teñen que estar rematadas a finais do 2025.

“Queremos saber se o goberno pode cumprir co prazo máximo de execución do proxecto ou se ten previsto solicitar algunha modificación das accións a desenvolver” afirma Castro que recalca no valor estratéxico da actuación “que nos permite seguir na senda dunha cidade sostible e que aposta por espazos verdes de calidade”.