Friday 22 de November de 2024

A Pobra potencia os seus recursos naturais e patrimoniais na Semana Santa


Numerosos actos litúrxicos sucederanse na Pobra do Caramiñal durante a Semana Santa, unha época de afluencia turística significativa. Por iso, a Concellaría do Turismo bota a andar un programa de actividades coas cales potencia-los recursos naturais e patrimoniais da localidade, segundo desvelou a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, na compaña das técnicas municipais desta área, Sara Sánchez e Ángeles Tubío. A edil incidiu tamén en que se amplía o horario de atención da oficina do turismo nesa semana, de luns a sábado, en quendas de mañá e de tarde.

 

O proceso extractivo dos bivalvos poderase experimentar na propia praia no 27 de marzo cun obradoiro de marisqueo a pé. Sairase das inmediacións da Casa Mariñeira, ás 12.30 horas, en dirección ós Areos. Requírese a inscrición previa. O importe por aboar sitúase nos 12 euros, agás para menores de 10 anos, para quen será de balde. Inclúe a entrega do receitario elaborado pola hostalaría local.

 

Tamén haberá a ocasión de coñecer polo miúdo distintas variedades da planta raíña dos xardíns galegos: a camelia. A segunda edición da exposición dedicada a esta especie botánica poderase visitar na Casa Mariñeira, no Xoves Santo e no Venres Santo (28 e 29 de marzo), no horario das 10.00 ás 13.30 e das 17.30 ás 19.30 horas. Toda aquela xente interesada en face-la súa achega floral dispón ata o día 22 de marzo. A inauguración desta mostra terá lugar no día 28, ás 12.30 horas.

 

No Sábado de Pascua, 30 de marzo, emprenderase unha ruta guiada de 3 quilómetros polo río das Pedras. O guía Joaquín Rubal ensinará aspectos relacionados coa tradición oral e a xeoloxía do lugar. A dificultade do itinerario é media, polo cal se recomenda para maiores de 12 anos. O punto de encontro establécese no aparcadoiro fronte ó mercado municipal, ás 10.00 horas. Tamén é preciso anotarse por un importe de 13’50 euros, que inclúe o traslado nun microbús ata a parte baixa da dita paraxe natural.

 

Pero tamén o patrimonio adquire protagonismo nesta xornada, cun formato de visita guiada ás coñecidas como “xoias do Renacemento”: a capela da Alba e a torre dos Valle Bermúdez. O director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, achegará tamén a historia de Juan Domínguez Giance e Constanza Domínguez de Búa, matrimonio benfeitor de ámbolos dous inmobles. O punto de partida será a Casa Mariñeira, ás 16.30 horas. Se ben é unha actividade de balde, reservarase a praza.

 

Máis información e inscricións na oficina do turismo, situada na contorna do parque do Castelo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 e 981843280, marcando a extensión 2035.