O Concello de Oleiros recibiu onte en Madrid 3 galardóns europeos que recoñecen como sendeiros azuis europeos a Costa Libre do municipio, o Monumento Natural e o Bosque de Xaz. O elevado número de quilómetros de paseos e sendeiros existentes a carón do mar ao longo de todo o litoral e a desprivatización e conservación do Bosque de Xaz fixo posible este importante recoñecemento.
Oleiros xa contaba co recoñecemento de sendeiro azul europeo para a Costa Libre do municipio. Este ano recoñécense tamén outros dous sendeiros: o Bosque de Xaz e Seixo Branco-Furnas.
A entidade europea ADEAC (Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor), que entrega estes prestixiosos galardóns; analiza a preservación e mellora das condicións ambientais existentes, a seguridade e facilidade de uso para os visitantes, e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o noso patrimonio litoral. A costa de Oleiros, desde a ría da Pasaxe ata Lorbé, e o Bosque de Xaz cumpren claramente con todos estes criterios de valoración.
Os sendeiros azuis son lugares ideais para a sensibilización ambiental, entendida esta como unha ferramenta que contribúe de forma significativa ao cambio social.