Saturday 16 de November de 2024

Neda impulsará nos coles obradoiros para que o alumnado aprenda a facer trampas para velutinas


A iniciativa estará impartida por efectivos do SPEIS de Narón

O Concello de Neda organiza a próxima semana nos colexios do municipio, en colaboración co SPEIS de Narón, obradoiros de trampeo para capturar velutinas, que comezan agora a saír do seu letargo anual. A iniciativa busca divulgar entre a poboación infantil do municipio o risco que representa esta especie invasora tanto para a produción apícola como para a seguridade cidadá.
A actividade terá unha parte informativa na que os rapaces poderán familiarizarse co ciclo anual da Vespa Velutina Nigrithorax, e na que se alertará ao alumnado da importancia de actuar contra ela., e despois chegará a parte práctica.

Así, falarase das consecuencias ambientais desta auténtica praga. A avespa asiática, de tamaño XXL, ataca as colmeas e devora as abellas, provocando un dano importante á nosa biodiversidade. En paralelo, supón tamén unha ameaza para a seguridade. Como apuntan dende a Asociación Galega de Apicultura (AGA Ferrolterra), non cómpre achegarse aos niños para que actúen; atacan máis a un tempo e, dado o seu tamaño, teñen unha carga de veleno moito maior.

Aínda que, sen dúbida, o máis atractivo para os escolares será, sen dúbida, a parte na que aprenderán a fabricar as súas propias trampas. O trampeo é fundamental neste momento, que coincide coa fase de construción e actividade do niño primario.

A iniciativa chegará o luns 18 ao CEIP San Isidro e, ao día seguinte e, o persoal do SPEIS e de AGA desprazarase ao CEIP Maciñeira. Nos dous casos, traballarán cos estudantes de terceiro a sexto de primaria.

Consciente da necesidade de que a veciñanza se implique na campaña de prevención, o Concello prepara ademais de cara ás próximas semanas un taller de trampeo dirixido ao conxunto da poboación.