Friday 22 de November de 2024

Promoción Económica pon en marcha un programa de axuda ao emprendemento e revitalización da pequena empresa


“Impulsa e despega” arrincará o 10 de abril cun evento presencial no Museo de Bergantiños para as empresas participantes

A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha Impulsa e despega, un programa de axuda ao emprendemento co que tratamos de contribuír á profesionalización e revitalización do tecido empresarial das pemes locais a partir de modelos de negocio baseados no triplo balance -económico, social e ambiental- que lles permitan afrontar nas mellores condicións os retos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

Impulsa e despega é unha actividade gratuíta do Concello de Carballo que vai destinada a todas aquelas persoas emprendedoras e pequenas/os empresarias/os que buscan un equilibrio entre a viabilidade económica, social e ambiental. Os/as participantes poderán acceder ás ferramentas e coñecementos precisos para atender as necesidades do día a día dos seus negocios dun xeito efectivo. “Emprender e permanecer non é tarefa fácil, e a través deste programa queremos axudar, poñendo o foco no análise e xestión de catro áreas estratéxicas: modelo de negocio, estratexia empresarial, finanzas e comunicación”, apunta o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

O programa Impulsa e despega arrincará o mércores 10 de abril, ás 10.15 horas, no Museo de Bergantiños, e constará de tres partes:
1. Un evento presencial, os días 10 e 11 de abril no Museo de Bergantiños.
2. Catro sesións de formación en grupo que se celebrarán os días 19 e 29 de abril e 9 e 20 de maio.
3. Acompañamento e seguimento de proxectos en liña, desde o 12 de abril ata o 11 de xuño.
Toda a información está dispoñible na web de Impulsa e despega Carballo, pero se che queda algunha dúbida podes chamar ao 623 061 300 ou enviar un correo electrónico a info@impulsaedespega.com.