Friday 22 de November de 2024

A Senda do Mar Razo-Baldaio recibe un ano máis o distintivo Sendeiro Azul da asociación ADEAC


O coordinador de Protección Civil, Javier Souto, asistiu ao acto de entrega das bandeiras, celebrado hoxe na localidade madrileña de Las Rozas

O coordinador do servizo municipal de Protección Civil, Javier Souto, acudiu ao acto de entrega das bandeiras que identificarán os sendeiros azuis galardoados este ano pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), a mesma que concede as bandeiras azuis. Este galardón destaca o compromiso das administracións públicas na recuperación e posta en valor de itinerarios que promoven a educación ambiental e o desfrute sostible das súas contornas naturais.

Entre os 128 sendeiros azuis recoñecidos en toda España, conformando unha rede que acada xa os 869 quilómetros, figura, un ano máis, a Senda do Mar Razo-Baldaio, un itinerario de 5,5 quilómetros de lonxitude que une o porto de Razo co espazo natural de Baldaio pasando polas nosas praias que ano tras ano veñen revalidando tamén a bandeira azul.

Entre os criterios que determinan a obtención do distintivo Sendeiro Azul téñense en consideración aspectos tales como as características do propio carreiro (lonxitude, trazado ou tipos de firme, entre outras); a presenza de paneis de información, sinalética e infraestruturas para a xestión dos residuos, etc; a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural (presenza de hábitats naturais e promoción do carreiro); así como a accesibilidade, a mobilidade ou o desenvolvemento de actividades de educación ambiental.