― Lembra que este sábado, 16 de marzo, se abre o prazo para solicitar praza nas escolas infantís da rede pública autonómica
― Salienta que este ano se modificará o baremo para dar máis puntuación aos pais e nais que traballan para facilitar a conciliación
― Avanza que o Goberno galego vai “pisar o acelerador” nesta nova lexislatura en materia de políticas sociais para consolidarse como unha Administración que “coida das persoas durante toda a súa vida”
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, puxo en valor o investimento do Goberno galego de 60 millóns de euros durante este ano que garante que Galicia sexa o “único lugar de toda España” onde se ofrece a gratuidade de todas as escolas infantís 0-3 anos, co que cada familia aforrará uns 2000 euros anuais por fillo. De feito, grazas a este esforzo, a Comunidade é hoxe líder en escolarización neste tramo de idade, cunha taxa do 56,4 %, 10 puntos por riba da media estatal.
Rueda fixo fincapé neste “esforzo importante” por parte da Administración durante a súa visita hoxe á escola infantil do municipio coruñés de Coristanco, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García. Neste centro lembrou que desde este sábado, 16 de marzo, e ata o vindeiro 5 de abril, está aberto o prazo para solicitar algunha das 10.500 prazas públicas das máis de 30.000 (públicas, privadas e de iniciativa social) que conforman a rede de escolas infantís que existen en Galicia. “Todas serán gratuítas e sen baixar a calidade”, remarcou, en referencia a que de xeito sucesivo se irá abrindo a matrícula ao resto da totalidade de prazas dispoñibles en toda a comunidade neste tramo de idade.
O mandatario galego en funcións explicou que, como novidade, este ano se dará máis puntos no baremo a aquelas familias nas que algún -ou os dous- proxenitores traballan. O titular en funcións do Goberno galego explicou que esta decisión se toma porque as familias nas que traballan ambos proxenitores teñen máis necesidades de conciliación.
Así, se neste curso cada un deles recibía 7 puntos, no próximo curso recibirán 8, co que o total pasará de 14 a 16. O resto de baremación manterase como estaba, de forma que seguirán tendo prioridade as familias numerosas, as monoparentais e as en risco de exclusión social.
“Pisar o acelerador” nos coidados
Durante a súa visita, Rueda puxo en valor o modelo galego, pioneiro na gratuidade e púxoo en relación coa medida que a partir de setembro se vai estender tamén ás matrículas universitarias. “Garantimos a gratuidade de toda a educación pública, desde onde todo comeza dos 0-3 anos, ata que se acaba cun grao universitario”, enxalzou.
Nesta liña, defendeu a aposta que leva realizando o Goberno galego pola atención das persoas con medidas e políticas de carácter social, “desde que naces ata que tes unha idade onde necesitas unha especial protección da Administración”, sinalou.
Precisamente, e malia que asegurou que a Xunta xa “se destaca polo coidado das persoas,” anunciou que na nova lexislatura o Goberno galego vai “pisar o acelerador” en materia de políticas sociais e “aumentalo aínda máis”. “Imos ser unha Administración que coida das persoas durante toda a súa vida”, garantiu para concluír.