En licitación un contrato que inclúe obradoiros de memoria, de capacitación tecnolóxica, lúdico-formativos e bailes, que se sumarán ao programa de exercicio físico
O envellecemento paulatino da poboación evidencia a necesidade de levar a cabo políticas socio-sanitarias orientadas a atender ás persoas maiores. A atención a este colectivo é unha prioridade para as áreas de Terceira Idade e Servizos Sociais do Concello de Carballo, nas que traballamos desde unha perspectiva de prevención orientada cara a saúde como concepto integral: física, psicolóxica e social.
As persoas maiores de 60 anos representan o 31,59% da poboación do noso concello. Mellorar a súa calidade de vida, aproveitar o seu potencial como xeradoras de benestar e implicalas nos procesos de participación son os tres grandes obxectivos dos programas de envellecemento activo que vimos desenvolvendo nos últimos anos.
Nestes momentos está en marcha o programa de exercicio físico para maiores, no que participan 600 persoas repartidas nunha vintena de grupos en 12 parroquias. E ademais acaba de saír a licitación un novo contrato que inclúe algunhas das actividades que xa se veñen realizando tradicionalmente, como os bailes semanais; propostas máis recentes que cada vez teñen máis demanda, como os obradoiros de memoria, e novas actividades enfocadas á capacitación tecnolóxica, por unha banda, e lúdico-formativas, por outra.
O investimento previsto acado os 230.000 euros, que, sumados aos destinados ao programa de exercicio físico, supoñen máis de medio millón de euros para os vindeiros catro anos.
Dadas as especificidades de cada actividade, o contrato divídese en catro lotes, polo que as empresas e/ou entidades interesadas poderán optar aos que consideren:
• Bailes: tal como recolle o prego, celebraranse todos os domingos desde setembro ata xuño, con música en directo. Aínda que van dirixidos principalmente ás persoas maiores, estarán abertos ao público en xeral.
• Actividades de estimulación cognitiva: o obxectivo desta actividade é a realización de talleres de memoria con diferentes niveis desde outubro ata xuño. Haberá 10 grupos, en distintas parroquias, cun máximo de 20 participantes por grupo.
• Talleres lúdico-formativos: a proposta deberá incluír actividades de benestar, saúde ou nutrición, de ocio e de manualidades que contribúan a traballar a psicomotricidade fina. Desenvolveranse de outubro a xuño, tamén en distintos centros sociais.
• Actividades de capacitación tecnolóxica: tamén se desenvolverán de outubro a xuño e centraranse, fundamentalmente, no uso dos teléfonos móbiles, con distintos niveis de formación segundo as necesidades.
O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 26 deste mes.