Saturday 16 de November de 2024

Mercedes Rosón reclámalle á Xunta a definición de vivenda baleira por lei para dinamizar as máis de 6.000 vivendas desocupadas de Santiago


A edil socialista levará unha moción ao pleno do próximo mércores instando ao goberno galego a modificar a Lei 8/2012

Censura que Alfonso Rueda se comprometera en outubro do pasado ano a incluír esta definición na lei de acompañamento dos orzamentos “para despois incumprir a palabra dada”.

Son máis de 6.000 as vivendas baleiras en Santiago de Compostela segundo datos do Instituto Nacional de Estatística de 2021. Un importante parque de vivenda que podería contribuír a destensionar o mercado inmobiliario de Santiago, cuns prezos de alugueiro disparados. Así o defende a edil socialista, Mercedes Rosón, que lle reclama á Xunta que defina por lei o que é vivenda baleira para que desde o Concello se poida desenvolver “un plan para a dinamización dese parque inmobiliario desocupado”.

Segundo denuncia a socialista, as administracións locais teñen “as mans atadas” ata que se realice ese trámite previo, que pasa pola modificación da Lei 8/2012. Responsabiliza á Xunta de non incluír na súa normativa unha regulación que permita actuar en esas vivendas desocupadas: “ante este desinterese evidente da Xunta do Partido Popular en materia de vivenda nós buscaremos o apoio da Corporación para instar ao goberno autonómico a actuar”.

Lembra a que fóra responsable de Vivenda durante o pasado mandato que o propio Alfonso Rueda comprometeuse na reunión coa alcaldesa en outubro do 2023 a incluír esta definición na lei de acompañamento dos orzamentos de 2024, “compromiso que, evidentemente, non se cumpriu”.

“Será interesante ver o que fai o señor Verea”

Rosón dubidou tamén da intención de voto do Partido Popular, toda vez que o propio Alfonso Rueda xa se desdixo do seu compromiso: “será interesante ver o que fai o señor Verea, se apoia ao Rueda que dixo que o faría ou ao Rueda que cando chega o momento, non o fai”.

Pon ademais o exemplo do País Vasco que na súa lei de vivenda de 2015 xa avanzou na definición do que entende a súa administración como vivenda baleira, explicando que se trata de “aquella vivienda que permanezca desocupada de forma continuada durante un tiempo superior a dos años, salvo que concurra motivo que justifique su no utilización en los términos previstos en esta ley y en su normativa de desarrollo”.

Unha definición xurídica que, insiste, “permite tanto á administración autonómica como á local levar a cabo políticas activas de vivenda que busquen mobilizar as vivendas baleiras cara o mercado de aluguer”.

O grupo socialista xa levou ao pleno municipal en xaneiro de este ano unha proposición para instar á Xunta a declarar Compostela como zona de mercado residencial tensionado. Xa nese momento advertían dos altos prezos da vivenda en Santiago con un precio medio de alugueiro que creceu, nos últimos cinco anos, un 76% na zona vella, un 62% no Castiñeiriño, un 61% de Santa Marta e un 39% no Ensanche. Tamén situándose o 82% dos fogares composteláns en zonas tensionadas segundo varios estudos realizados, incluso, polo propio Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Así, con esta medida, explica Mercedes Rosón, buscan ir na mesma liña de “contribuír a facer de Santiago unha cidade na que vivir e que non expulse á xente moza e familias novas que queren facer a súa vida aquí pero non poden polos altos prezos do alugueiro” marchando, en moitos casos, a concellos da bisbarra.